Deputación de Lugo

A Deputación pon en valor as Xornadas Interxeneracionais de Xermade na preservación cultural e a transmisión de tradicións

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou na inauguración da vixésima edición destes encontros, que arrancan hoxe e continuarán os días 1, 8 e 14 de xuño na Casa-Escola de Cabreiros

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou este sábado na inauguración das Xornadas Interxeneracionais Rurais. Aprendendo cos nosos maiores, que chega a súa vixésimo edición. O acto tivo lugar na Casa-Escola de Cabreiros e tamén estiveron presentes o Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas; o presidente da Asociación de Veciños de Cabreiros, Xosé Manuel Felpeto Carballeira, e o profesor de pedagoxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Jesús Rodríguez Rodríguez.

Carlos López destacou a consolidación destes encontros “que son unha aposta pola cultura, pola convivencia, pola transmisión directa das costumes e dos oficios dos maiores cara ós novos. Tamén un xeito de que os mozos e mozas manteñan o contacto cos maiores, aprendan da súa experiencia e entendan as súas necesidades”. 

“Dende a Deputación de Lugo temos unha aposta clara polo noso rural, a través da colaboración cos concellos, para manter e para mellorar os servizos públicos, e tamén para crear actividade económica e oportunidades laborais”, subliñou o Deputado. Unha aposta, engadiu, que dentro das posibilidades e recursos económicos da institución vai enfocada directamente a implementar políticas que redunden “na mellora dos servizos públicos, as boas comunicacións físicas e dixitais, e o emprego, como  factores que, sen dúbida, son absolutamente imprescindibles para o futuro do noso rural”.

As xornadas de Cabreiros arrancaron hoxe cunha homenaxe a poetisa Luisa Villalta a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas deste 2024, e da que destacou o Deputado “ese interese polo estudo dos palcos de música, tan presentes nas nosas vilas e nas nosas aldeas, uns lugares de música, de festa e de comunidade”. Tamén haberá, ás 14:00 horas, unha visita con participación libre á Romaxe artesá da chaira en Muras. 

Os relatorios continuarán o sábado 1 de xuño, cunha charla-coloquio sobre a Festa e cohesión social no rural galego, O Caso de Santa Mariña. O sábado 8 de xuño, ás 10:30 horas, terá lugar unha charla sobre a fauna salvaxe no municipio, e acto seguido presentaranse os traballos do X Premio Xermade. Por último, as xornadas rematarán o venres 14 de xuño cunha charla da Asociación galega do xogo popular e tradicional (AGXPT), sobre o xogo tradicional.