Cultura
Deputación de Lugo

Efrén Castro visitou as alumnas do Tecer para Medrar, que venden os seus deseños para o Arde Lucus

EFRÉN CASTRO
TECER PARA MEDRAR
arde lucus

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro visitou este mediodía o local da Tinería onde as alumnas do programa de formación en artesanía textil e moda sostible Tecer para medrar, impulsado polo Centro de Artesanía e Deseño, venderán os seus deseños para o Arde Lucus.

Trátase de prendas feitas en liño, con cores que poden crearse con tinguiduras naturais. Na súa maioría son pezas confeccionadas a partir dos deseños da colección Origo de María Barros, mais tamén outras prendas máis sinxelas, de liñas puras, creadas a partir do ancho do tecido no tear. Entre as propostas máis singulares, figuran vestidos pensados para as vodas castrexas.

Ademais das prendas, venden complementos -bolsos e cintos – elaborados por elas mesmas, a partir de materiais reciclados, e outros, de coiro, das artesás lucenses Ester Díaz de Fonte Meimil e Ana Novo, de Tres Caracoles.

A iniciativa abre o camiño cara á comercialización das súas prendas ás alumnas que participaron na formación que o Centro de Artesanía e Deseño e a Federación de Asociacións de Ámbito Social (FADAS) puxeron en marcha en 2021, co obxectivo de crear oportunidades de emprego para persoas migrantes, ofrecendo un total de 1.250 horas de formación.

Nas dúas primeiras fases do programa, as participantes recibiron formación sobre padroaxe, corte e confección, mentras que na última fase, abordaron contidos orientados ao emprendeemento empresarial e ao deseño e confección das prendas que desde hoxe poñen á venda  no local 36 da rúa da Tinería, cedido polo Concello de Lugo.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro valorou “a iniciativa que revaloriza o traballo desenvolvido polas alumnas e tamén polas persoas que colaboraron na formación ao longo destes anos” e “que amosa dunha forma práctica que a artesanía ten un gran potencial nunha sociedade na que se valoran cada vez máis as formas de produción e consumo sostibles”.

O local estará aberto de luns a venres - de10.30 a 14.00 horas e de 17.00  a  20.00 horas- e os sábados – de 10.30 a 14.00 horas-. FADAS destinará a cantidade recadada a continuar con actividades de formación.

arde tecer medrando