Deputación de Lugo

O Presidente: “Nestes 125 anos, o Colexio Médico ten demostrado ser un piar fundamental da nosa sociedade”

José Tomé Roca
125 aniversario do Colexio de Médicos
- José Tomé Roca participou no aniversario da Fundación do Colexio de Médicos e a festividade da Patroa da Virxe do Perpetuo Socorro que se celebraron na Capela da Virxe dos Ollos Grandes na Catedral de Lugo e no Salón Rexio do Círculo das Artes

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres nos actos con motivo 125 aniversario da Fundación do Colexio de Médicos de Lugo e a festividade da Patroa da Virxe do Perpetuo Socorro, que se celebraron na Capela da Virxe dos Ollos Grandes na Catedral de Lugo e no Salón Rexio do Círculo das Artes.

“Nestes 125 anos, o Colexio Médico ten demostrado ser un piar fundamental da nosa sociedade”, destacou o Presidente durante a súa intervención. “As súas achegas non se limitan só ao ámbito sanitario, senón que tamén inclúen accións de carácter social e comunitario, que enriquecen e fortalecen o noso tecido social”, afirmou.

Valorou que a celebración é importante para conmemorar “a dedicación, o compromiso e a excelencia dos profesionais da medicina que durante máis dun século teñen servido á nosa comunidade con gran entrega e dedicación”. “O voso labor é fundamental para o benestar e a saúde dos cidadáns da provincia”, engadiu. Lembrou o papel que xogaron durante a pandemia, “enfrontástesvos a unha das maiores crises sanitarias da historia recente cunha resposta  exemplar que merece o noso recoñecemento”. 

Tras a misa celebrada na Catedral, os actos trasladáronse ao Salón Rexio do Círculo das Artes, onde foron homenaxeados 48 colexiados honoríficos que fan 70 anos neste 2024 e tamén se recoñeceu a traxectoria de 27 médicos que celebran 25 ou 50 anos desde o seu ingreso no Colexio. A cita contou ademais cunha actuación musical e unha conferencia sobre benestar e deporte. 

Nos actos participaron tamén o Presidente do Colexio de Médicos de Lugo, Eduardo Iglesias; a Alcaldesa do Concello de Lugo, Paula Alvarellos; o Subdelegado de Defensa en Lugo, Juan Fernández; a Directora de Planificación Sanitaria da Xunta de Galicia, Sofía López; o Xerente do HULA, Ramón Ares; a Xerente do Hospital de Monforte de Lemos, María Inmaculada Ramos; e a Xerente do Hospital da Mariña, María José Cortés; entre outras autoridades.