Deputación de Lugo

O Presidente destaca o talento das emprendedoras rurais para asentar poboación no territorio

José Tomé Roca
FADEMUR
Feira de Artesanía e Produtos Lucenses
- José Tomé visitou este sábado en Monforte a Feira de Artesanía e Produtos Lucenses, que impulsa a institución provincial xunto a FADEMUR, e na que se exhiben ao longo do día produtos e servizos de 15 emprendedoras rurais

-O mandatario provincial destacou a importancia desta iniciativa enmarcada no programa E para vivir Lugo, “un proxecto que puxemos en marcha cun orzamento de 300.000 euros da Unión Europea, e que conta con 12 liñas de actuación para atraer poboación ao rural e afrontar o reto demográfico”

- A Predidenta de FADEMUR loou esta iniciativa pois supón unha ventá aberta, posto que “os pequenos emprendementos supoñen unha oportunidade de autoemprego de incalculable valor nun rural no que as cifras de desemprego seguen a cebarse de xeito especial coas mulleres”.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou este sábado en Monforte de Lemos a Feira de Artesanía e Produtos Lucenses, que impulsa a institución provincial xunto á Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR) e Unións Agrarias (UPA). José Tomé acompañado pola Presidenta de FADEMUR, Verónica Marcos Arrojo, e o Secretario de Unións Agrarias Lugo (UPA), Miguel Tomé, puxo en valor o papel das emprendedoras rurais para asentar poboación no territorio. 

“Hoxe, estamos aquí  para visibilizar o talento e a creatividade das mulleres rurais da nosa provincia, que con tanto esforzo e dedicación manteñen vivos as nosas vilas. Estas emprendedoras representan o mellor do noso rural, apostando por produtos de proximidade, sostibles e de alta calidade”, enfatizou. Ademais, quixo agradecer a participación das mulleres que lideran os proxectos que se expoñen nesta feira porque, dixo, “son un exemplo de como os pequenos emprendementos poden transformar a realidade do noso rural. Elas demostran que é posible crear emprego, fixar poboación e dinamizar a economía local con proxectos innovadores e sostibles”.

Así mesmo, quixo trasladarlles o Presidente o compromiso da Deputación de Lugo para seguir apoiando estas iniciativas e traballando man a man con FADEMUR, “o voso traballo é fundamental para o futuro da nosa provincia e seguiremos traballando para crear as condicións necesarias para que poidades desenvolver os vosos proxectos con éxito”. 

Pola súa banda, a Presidenta de FADEMUR Galicia loou esta iniciativa que supón unha ventá aberta que “contribúe a visibilizar o talento e a variedade de emprendementos impulsados por mulleres que existen no rural galego”. Nesta feira, na que colaboramos coa Deputación afirmou Verónica Marcos Arrojo, “presumimos do bo facer lucense”, e non é para menos, engadiu, “pois pensamos que a iniciativa emprendedora feminina nesta provincia é tan ampla como diversa”. 

Destacou Verónica Marcos o apoio a estes proxectos liderados por mulleres porque, “son unha oportunidade no que a autoemprego se refire de incalculable valor nun rural no que as cifras de desemprego seguen a cebarse de xeito especial coas mulleres” Por iso, o traballo diario que facemos desde FADEMUR é clave “para fomentar e prestar ás emprendedoras rurais todo o apoio que nos é posible”, explicou. 

Un apoio que resaltou tamén o Secretario de Unións Agrarias, “os emprendementos que este sábado visibilizamos en Monforte a través de E Para vivir Lugo reúnen as principais características dos proxectos impulsados por mulleres no rural galego: empresas pequenas que apostan polos produtos de proximidade, a sostibilidade e a elaboración artesanal e que contribúen a fixar poboación e a diversificar a oferta laboral radicada no rural galego”. 

E para vivir Lugo


O Presidente da Deputación salientou que esta feira organizada pola Deputación está enmarcada dentro do programa E para vivir Lugo, “unha iniciativa que puxemos en marcha coa axuda de fondos europeos para afrontar o reto demográfico que temos por diante”. Este proxecto, que conta cun orzamento de 300.000 euros procedentes do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), contempla 12 liñas de actuación. Entre estas accións inclúense, por exemplo, a creación de oficinas para atraer poboación ao rural, a atención aos novos residentes ou as axudas para a diversificación dos cultivos, entre outras medidas. “Todo isto ten un obxectivo claro: revitalizar o noso rural, facelo atractivo para vivir e traballar, e asegurar que as futuras xeracións teñan un futuro próspero nestes territorios”, enfatizou José Tomé. 

Unha feira para enxalzar o talento de 15 emprendedoras 


Os stands da Feira de Artesanía e Produtos Lucenses están ubicados na rúa Cardenal de Monforte de Lemos.  Ao longo de toda a xornada os asistentes terán a oportunidade de coñecer os produtos e servizos de 15 emprendedoras lucenses que exhiben a diversidade e a riqueza coa que conta a provincia de Lugo. Desde galletas e marmeladas artesanais ata embutidos de porco celta, cerámica, cremas e aceites ecolóxicos. Pola tarde, a partir das 17:00 horas, a xornada estará amenizada cunha actuación musical en directo. 

As emprendedoras que participan neste evento son: Ceniza de Papel, de Lugo; Galletas Xianas, de Taboada; Tres Caracoles, de Lugo; Caurelor, de Quiroga; As Coruxas, de Foz; Tataraboas, de Antas de Ulla; Celtagal, de Mondoñedo;  Naturantas, de Antas de Ulla; Fusaiola, de Vilalba; Sacrapastas, de Chantada; Aceites Figueirido, de Ribas de Sil; Lucecús, de Vilalba; Merchi Xurumbelas, de Lugo; Toxalriba, de Lugo; Embutidos Suarna, de Navia de Suarna.