Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Pleno aproba unha Declaración Institucional pola defensa dos dereitos LGTBIQA+ con motivo do Día do Orgullo

declaración institucional
LGTBIQA+
A Corporación provincial acordou por unanimidade un texto que pretende avanzar na igualdade efectiva para o conxunto do territorio, para que todas as persoas, con independencia da súa identidade ou condición sexual, reciban o respaldo que precisan

A Corporación Provincial acordou este martes na sesión plenaria unha Declaración Institucional pola defensa dos dereitos LGTBIQA+ con motivo do Día Internacional do Orgullo que se celebrará este venres, 28 de xuño. Todos os grupos políticos con representación na Deputación de Lugo –PSdeG, BNG e PPdeG- acordaron un texto que pretende avanzar na igualdade efectiva para o conxunto do territorio, para que todas as persoas, con independencia da súa identidade ou condición sexual, reciban o respaldo que precisan.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

Un ano máis, a Deputación provincial de Lugo quere sumar o seu apoio aos actos de conmemoración e celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+. Cumpre facelo recoñecendo o camiño percorrido dende aquel día de 1969 no que un grupo de persoas decidiron plantar fronte á discriminación que sufrían por motivo da súa orientación sexual.

A sociedade galega e española, como o conxunto das sociedades democráticas occidentais, foi incorporando as demandas do colectivo LGTBIQA+ ás axendas políticas e lexislativas. Avanzamos cara a plena igualdade de dereitos, cara o recoñecemento do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, e avanzamos na concienciación da lacra que supoñen os delitos de odio e calquera tipo de violencia – física ou verbal – cara ás persoas do colectivo.

Pero a Historia ensínanos que os avances, dos que temos que estar orgullosos, nin son lineais, nin se poden deixar de defender en ningún momento. A situación das persoas do colectivo LGTBIQA+ non é a mesma nas contornas urbanas que nas rurais, que son as maioritarias na nosa provincia.

Cumpre seguir traballando para que a igualdade sexa efectiva no conxunto do territorio, e que as persoas do colectivo LGTBIQA+ reciban o respaldo específico que precisan. 
E mesmo nos contornos urbanos, temos que subliñar a nosa preocupación polo incremento de delitos de odio motivados pola orientación e identidade sexual ou a expresión de xénero. Un fenómeno que está directamente relacionado co ascenso das forzas políticas da extrema dereita que, no noso país como no conxunto de Europa, pretenden enarborar estandartes de odio para ocultar a súa falta de ideas de xestión.
Temos que aprender da nosa historia, que nos lembra con contundencia os destinos de escuridade aos que nos leva o camiño do odio. A violencia machista, a violencia racista e a violencia contra o colectivo LGTBIQA+ son distintas cabezas dun mesmo monstro ante o que non podemos ceder nunca máis.

Dende a Deputación rexeitamos con total contundencia estes comportamentos, e loitamos contra eles. Primeiro apostando pola educación na diversidade e na tolerancia. E axudando ós concellos a desenvolver programas de información e de atención ó colectivo LGTBIQA+. Os concellos teñen que ser o primeiro punto de apoio das persoas do colectivo no rural, escoitando as súas demandas, prestándolles apoio e facilitando os mecanismos para animar a denunciar con total garantía calquera agresión ou comportamento punible.

A Deputación vén loitando sempre contra todo tipo de fenda que separe o urbano do rural. Reclamamos os mesmos servizos públicos, reclamamos a mesma cobertura tecnolóxica e, por suposto, reclamamos unha plena igualdade en todo o territorio para todas as persoas, sen distinción de raza, lugar de orixe, relixión, orientación sexual ou expresión de xénero.