Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación adxudica por preto dun millón de euros os traballos de mellora de 4 estradas provinciais no Saviñao, Antas de Ulla e Castro de Rei

REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
Antas de Ulla
O Saviñao
castro de rei
A Xunta de Goberno acordou este venres adxudicar obras na LU-P-0301, a vía que dá acceso ao que será o Parque Central de Galicia; na LU-P-3202, que comunica Monforte con Currelos; na LU-P-5810, que une dende a LU-P-5804 a Ereixafeita por Cazón; e na LU-P-1105, que conecta a Ponte de Outeiro con Quintela


Adxudicado o contrato por medio millón de euros das tarefas de desbroce de estradas provinciais nos concellos de Muras, Xermade, Vilalba, Lugo, Guntín, Friol, Taboada e O Saviñao

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación de catro novas obras en estradas provinciais nos concellos de Antas de Ulla, Castro de Rei e O Saviñao cun investimento conxunto de preto dun millón de euros. Nesta liña, a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informou que a institución provincial “continúa mellorando a mobilidade na nosa provincia, sacando adiante actuacións para renovar a rede viaria provincial e para o seu mantemento e conservación”.

En concreto, no concello de Antas de Ulla a Deputación adxudicou á empresa Explotaciones Gallegas SL por un importe de 514.225€ as obras de mellora que se van realizar na LU-P-0301, a vía que dá acceso ao que será o Parque Central de Galicia e que estará situado neste municipio. O proxecto, que ten un prazo de execución de catro meses, incorpora actuacións entre os puntos quilométricos 0,3 e 3,6 e inclúe o ensanche de varios treitos, as correspondentes tarefas de drenaxe, a colocación das tubaxes correspondentes, así como a limpeza de cunetas. Tras rematar estes traballos, procederase á pavimentación con aglomerado en quente en todo o trazado, á sinalización da vía con marcas reflexivas brancas e á renovación das sinais verticais. 

García Porto puxo en valor a importancia desta estrada posto que o tramo que se acondicionará “é o que vai dende o centro de Antas de Ulla ata Nugallás, lugar onde a institución provincial está construíndo o Parque Central de Galicia, punto exacto no que se atopa o centro xeográfico do territorio galego”. 

“Trátase dunha actuación moi relevante, tanto para a veciñanza, por ser a vía que comunica coa provincia de Pontevedra por Rodeiro, como polo feito de ser a principal arteria de comunicación para acceder ao futuro Parque Central de Galicia. Ademais, esta estrada dará servizo ao incremento de tráfico previsto coa apertura do novo atractivo turístico, tendo un impacto económico e de promoción moi positivo para Antas de Ulla, a comarca da Ulloa e a provincia de Lugo, dentro e fóra de Galicia”. 

Ademais, a Xunta de Goberno tamén adxudicou por un importe que supera os 300.000 euros as obras que se van realizar en dúas estradas do concello do Saviñao. Por unha banda, adxudicouse con preto de 230.000€ os traballos de acondicionamento do firme LU-P-3202, a vía que comunica Monforte con Currelos. Pilar García Porto destacou que “esta actuación realizarase no treito que vai do punto quilométrico 11,067 ao 24,436. As obras terán un prazo de execución de algo máis de 3 meses e consistirán na apertura das cunetas, a reparación do firme e a repavimentación. Este novo investimento completa aos outros tres proxectos acometidos pola institución nesta estrada, por unha cantidade total de preto de 600.000€”.

No Saviñao a Xunta de Goberno tamén adxudicou por preto de 80.000 euros á empresa Fevisa Vías e Obras SL as obras de repavimentación na LU-P-5810, que une dende a LU-P-5804 a Ereixafeita por Cazón. O prazo de execución destes traballos é dun mes e inclúen o acondicionamento de 500 m2 de superficie mediante un dobre tratamento superficial.

A última das obras adxudicadas foi no concello de Castro de Rei por un importe de 130.000 euros á empresa TA Isidro Hermanos Blanco Trigo SL. Realizaranse na LU-P-1105, a estrada que une Ponte de Outeiro con Quintela, nun prazo de execución de 25 días e afectarán ao treito que vai dende o quilómetro 3,3 ao 6. 

Traballos de roza nas estradas

Seguindo co mantemento e conservación das estradas da rede viaria provincial, a Xunta de Goberno deste venres aprobou a adxudicación por medio millón de euros das tarefas de desbroce de estradas en 8 concellos. En concreto, adxudicáronse 4 lotes do contrato, que son os que afectan aos concellos de Muras, Xermade, Vilalba, Lugo, Guntín, Friol, Taboada e O Saviñao. 

A Voceira socialista sinalou que a duración do contrato é de dous anos prorrogables por un ano e avanzou que “este contrato para acometer desbroces da rede viaria provincial está dotado de máis de 3 millóns de euros”. Neste senso, lembrou que “a rede de estradas da Deputación de Lugo é a máis extensa de toda España e para o seu acondicionamento e mellora destinamos moitos recursos económicos. De feito neste ano 2024 están consignados 20 millóns de euros nos Orzamentos para as estradas provinciais, o que supón un incremento dun 42% no último mandato”. 


Remanentes

Finalmente, a Xunta de Goberno aprobou tamén as solicitudes dos concellos de Baralla, Sarria e A Pobra do Brollón para investir remanentes do Plan Único do ano 2023 en novas actuacións. En concreto, Baralla destinará preto de 17.000 euros á mellora da vía municipal que dá acceso ao monte da aldea de Biduedo. No caso de  Sarria, empregará máis de 34.000 euros para a rexeneración de tres estradas no municipio que dan acceso á Escola de Loureiro, Betote de Abaixo polo Piñeiro, San Miguel de Vilapedre e Feculera. Por último, A Pobra do Brollón utilizará preto de 7.000 euros para a humanización da rúa da Igrexa e a Praza da aldea de Rairos, en Cereixa, e outros 514 euros para a dixitalización dos sistemas de abastecemento de augas nesta mesma parroquia.