Deputación de Lugo

O Presidente participa en Sevilla na Comisión de Deputacións da FEMP

FEMP
José Tomé Roca asistiu este luns a este encontro que agrupa aos representantes dos gobernos provinciais e insulares de toda España e onde se constituíu a Subcomisión Permanente da Comisión, da que forma parte o mandatario provincial lucense

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este luns en Sevilla na Comisión de Deputacións Provinciais, Cabidos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Un encontro que acolleu o Conxunto Monumental de San Luis dos Franceses e que reuniu a máis dunha trintena dos seus Presidentes e Presidentas. A reunión, que foi a primeira que celebra a Comisión tras ser constituída no Senado en febreiro, serviu para debater diversas cuestións para o conxunto das entidades locais. 

No seo deste encontro quedou constituída a Subcomisión Permanente da Comisión de Deputacións Provinciais, Consellos e Cabidos Insulares, da que entrou a formar parte José Tomé Roca. Este órgano intermedio reúnese con maior frecuencia e acorda cuestións relevantes que logo se levan para a súa aprobación ás reunións periódicas que celebra a Comisión. 

Hoxe informouse sobre a dixitalización do Rexistro Civil, que permitirá realizar eses trámites de xeito telemático. A Directora Xeral de Seguridade Xurídica e de Fe Pública do Ministerio de Xustiza, María Ester Pére, solicitou a colaboración da FEMP para que se implante esta mellora no conxunto dos municipios de España na maior brevidade posible para avanzar dun xeito coordinado. 

Ademais,  a Secretaria Xeral do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, María González, deu conta do avance do programa A Administración cerca de ti do Goberno de España. Unha iniciativa á que xa están adheridos 665 concellos do país, dos que 54 son da provincia de Lugo. A iniciativa desenvólvese en concellos que contan entre 500 e 8000 habitantes de todo o territorio e o Goberno de España vai programar un conxunto de sesións informativas no territorio para ensinar e facilitar os trámites que se poden facer na  Administración Xeral do Estado. 

Así mesmo, deuse cumprida información sobre unha nova Ordenanza de Xestión de Residuos, sobre a Ordenanza de tipo de Transparencia pública- aprobada pola Xunta de Goberno da FEMP-, e a reactivación das regras fiscais de 2024, entre outras cuestións. 

Acordouse tamén que a vindeira Conferencia de Presidentes de Deputacións provinciais, Cabidos e Consells Insulars sexa no mes de outubro en Palma de Mallorca e que organizará o Consell de Mallorca, patrono e coorganizador do evento. Neste encontro debateranse temas de interese como a transformación dixital (intelixencia artificial e ciberseguridade), a loita contra a despoboación e reto demográfico, a financiación dos gobernos locais e a función de asistencia e cooperación de municipios, entre outros asuntos