Deputación de Lugo
Economía
Emprego
Turismo

O Presidente anuncia que as obras do Parque Central de Galicia comezarán nas vindeiras semanas tras asinar o contrato coa adxudicataria

parque central de Galicia
Antas de Ulla
A Deputación ten adxudicado e firmado o contrato das obras, xa ten a licenza municipal, polo que “estamos en condicións de asinar a acta de replanteo e comezar os traballos deste espazo público no lugar de Nugallás” explicou José Tomé

O mandatario provincial visitou este xoves xunto coa Alcaldesa de Antas de Ulla os terreos onde a institución provincial inviste 1,3M€ “para poñer en valor o Centro Xeográfico galego co obxectivo de convertelo nun revulsivo económico e social”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este xoves xunto á Alcaldesa de Antas de Ulla, e tamén Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, que as obras de construción do Parque Central de Galicia comezarán nas vindeiras semanas. O mandatario provincial fixo estas declaracións tras asinar esta mañá na parcela situada no lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, o contrato coa empresa UTE Ovisa-Provisa, adxudicataria dos traballos nos que a institución provincial inviste 1,3M€.

Explicou o Presidente que agora que a Deputación ten adxudicado, e asinado o contrato e a licenza municipal, “estamos en condicións de asinar a acta de replanteo e comezar os traballos deste espazo público no lugar de Nugallás, determinado polo Instituto Xeográfico Nacional”. Destacou que esta obra ten por obxectivo “poñer en valor o Centro Xeográfico galego para convertelo nun polo turístico, así como nun revulsivo económico e social”, tanto para Antas de Ulla, e a comarca da Ulloa, como para todo o conxunto da provincia de Lugo. O Presidente tamén informou que o prazo de execución das obras reduciuse a 5 meses, comezando ao día seguinte da formalización deste último trámite administrativo. 

O mandatario provincial e a Alcaldesa, acompañados tamén polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e o arquitecto de obra, realizaron unha visita polos terreos, cunha superficie aproximada de 20.000 m2, para coñecer de primeira man os detalles urbanísticos e os aspectos técnicos do proxecto. 

“É un día de moita satisfacción porque por fin damos o último paso dun proxecto que a Deputación comezou hai 4 anos, e tivemos moitos atrancos para poder chegar aquí. Quero lembrar, tal e como denuncie no seu momento, as pedras no camiño postas polo anterior equipo de Goberno municipal e o seu Alcalde, interferindo diante da Xunta para non conceder os permisos”, manifestou José Tomé. Unha vez superados estes atrancos e concedida a licenza de obra polo Concello de Antas, ao fronte coa nova Alcaldesa, engadiu “podemos acometer hoxe a sinatura do contrato, e en menos dun ano facer realidade este Parque Central do centro xeográfico na provincia”.


Espazo de ocio e natureza no centro de Galicia

O proxecto do Parque Central de Galicia inclúe un pórtico de entrada, unha praza e un monolito situado xusto nas coordenadas 7º 54’ 38,99” W 42º 45’ 25,15 N, que indican a posición exacta do punto medio da superficie da comunidade autónoma galega. Ademais, contará cun templete, un edificio multiusos, un parque infantil e fontes, así como iluminación, sinalización e mobiliario urbano. 

O edificio multiusos terá unha única planta e incluirá un porche de acceso, salón de actos, vestíbulo/recepción, dous aseos adaptados e un despacho. En canto ao templete será aberto con columnas de pedra que soportarán a cuberta. Ademais, na zona do monolito utilizarase pavimento continuo de cuarzo vermello terracota, e o monólito será de pedra natural. 

Polo que respecta a explanada de xogos contará cuns 32 metros de longo e 19,60 metros de ancho, pensado para crear un espazo de ocio para as familias, escolares e o desenvolvemento de actividades. Entre os dous edificios, a zona de xogos e o monolito, haberá un camiño de acceso central e un sendeiro perimetral peonil. Contémplase ademais a instalación de dúas fontes que contarán con auga apta para o consumo humano, a iluminación do conxunto do complexo, sinalización e unha serie de mobiliario como papeleiras de madeira, bancos e mesas de pedra para poñer a disposición dos visitantes.

Aparcadoiro e mellora do acceso ao Parque

A Deputación xa acometeu diversas actuacións para acondicionar o espazo, e a construción dun aparcadoiro, que conta con 21 prazas para coches, dous para autobuses, así como prazas para motos e bicicletas, incluíndo espazos reservados para persoas con mobilidade reducida. Nos terreos adquiridos pola institución provincial, realizáronse tamén labores de desbroce, corta de eucaliptos, plantación de especies autóctonas, entresaca de arbustos, podas e sementeira de céspede, entre outros traballos. 

Ademais, na última Xunta de Goberno adxudicáronse por un importe de 514.225€ as obra de mellora que a Deputación vai realizar na LU-P-0301, a vía que dá acceso ao futuro Parque. Os traballos, que teñen un prazo de execución de catro meses, contemplan actuacións entre os puntos quilométricos 0,3 e 3,6 e o ensanche de varios treitos, as correspondentes tarefas de drenaxe, a colocación das tubaxes correspondentes, así como a limpeza de cunetas. Tras rematar estes traballos, procederase á pavimentación con aglomerado en quente en todo o trazado, á sinalización da vía con marcas reflexivas brancas e á renovación das sinais verticais.