Deputación de Lugo
Turismo

Máis de 90 persoas percorren esta semana A Mariña e a Ribeira Sacra co Coñece a túa provincia da Deputación

Coñece a túa Provincia
Procedentes do Corgo, Lugo, O Saviñao e Pantón descubrirán entre hoxe e o xoves o patrimonio de Viveiro, Cervo, Burela, Pantón e Carballedo grazas ás viaxes gratuítas da institución provincial para favorecer o turismo de proximidade

En total, preto de 2.000 persoas de 80 asociacións beneficiaranse este 2024 destas viaxes gratuítas pola xeografía lucense coas que a institución provincial apoia a actividade do turismo, a hostalería e o comercio local

Máis de 90 persoas viaxan esta semana co programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. Son veciños e veciñas dos municipios do Corgo, Lugo, O Saviñao e Pantón os que percorrerán diferentes puntos do territorio –desde hoxe e ata o venres- a través desta iniciativa de rutas gratuítas que impulsa a institución provincial para colectivos sen ánimo de lucro, co obxectivo de fomentar o coñecemento da provincia e fomentar o turismo de proximidade.

Este martes membros da asociación Os Cinco Ríos do Corgo e a Federación de Veciños Lucus Augusti de Lugo serán os protagonistas con excursións a Viveiro, Pantón e Carballedo. Os primeiros comezaron a xornada cunha parada na Produtora do Servizo de Audiovisuais, onde foron recibidos polo Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, antes de continuar cara Pantón e Carballedo para visitar o convento do Divino Salvador en Ferreira e a igrexa de San Miguel de Eiré; tamén visitarán o pobo dos Peares, o encoro e unha adega. Por outro lado, os veciños e veciñas da Federación pararon na Granxa Gayoso Castro, onde o Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto, deulles a benvida antes de que continuaran a súa viaxe cara Viveiro, para coñecer o casco antigo e o obradoiro de cerámica Regal.

A veciñanza do Saviñao da asociación Lavandeira viaxará mañá a Cervo para coñecer  a fábrica de Sargadelos e o Museo provincial do Mar; e a asociación Cabalo Branco de Santiago de Cangas, de Pantón, fará a ruta de Burela, coñecendo a igrexa de Vila do Medio e ao barco-museo boniteiro Reina del Carmen.

En total, preto de 2.000 persoas de 80 asociacións beneficiaranse este 2024 destas viaxes gratuítas pola xeografía lucense coas que a institución provincial apoia a actividade do turismo, a hostalería e o comercio local. Como en anos anteriores, o programa inclúe de balde o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar de orixe, menú de xantar e entradas e visitas aos diferentes lugares de interese. Con cada grupo irá en todo momento un guía acompañante. As visitas serán realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal encargado de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.