Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación apoia o DIRT Vila de Sarria, un certame de saltos que suma alicientes á fin de semana do descenso urbano

DIRT Vila de Sarria
EFRÉN CASTRO
Sarria

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora co club ciclista DHG de na organización do DIRT Vila de Sarria, que se celebrará o vindeiro 13 de xullo no marco do Descenso Urbano.

Trátase dun certame de dirt jumping, unha modalidade caracterizada pola espectacularidade dos saltos e das acrobacias dos participantes sobre os distintos elementos dun circuíto, entre eles, un inchable que se instalará na saída - rúa Marqués de Ugena - adquirido recentemente polo club sarriao coa colaboración da área de Deportes.

O vicepresidente da Deputación de Lugo achegouse este luns ao campo da feira de Sarria onde os integrantes do club despregaron e probaron este inchable, de máis de catro metros de altura, no que se exhibirán algúns dos mellores especialistas nesta modalidade como Ferre, Cristhian Cardona, Carolo, Héctor Guerra ou Diego Solans.

Efrén Castro valorou “o traballo do DHG que converteu Sarria nun referente estatal co descenso urbano e que segue sumando iniciativas ao calendario de eventos ciclistas de Sarria, como esta exhibición de salto que reforza o atractivo das probas desta fin de semana” e destacou “o potencial destes eventos para traer xente á vila durante os días en que se celebran e para proxectar a imaxe de Sarria”.

Con este investimento en material, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo reforza a colaboración que mantén co club sarriao e co Concello de Sarria na organización de probas ciclistas.