Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo achega 22.000 euros a Raiolas Lugo para a atención de 82 persoas con TEA e ás súas familias

José Tomé Roca
Raiolas
Sinatura convenio Raiolas
- O Presidente asinou coa presidenta da Asociación de Pais, Nais e Persoas con Trastornos do Espectro Autista e Trastornos de Comunicación Social un convenio de colaboración para desenvolver o programa Intervención en contextos naturais

- José Tomé sinalou a importancia de apoiar este tipo de entidades “que dedican todos os seus esforzos a mellorar a calidade de vida das persoas con TEA e, en consecuencia, a das súas familias”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a presidenta da Asociación Raiolas Lugo (Asociación de Pais, Nais e Persoas con Trastornos do Espectro Autista e Trastornos de Comunicación Social), Mª Inés Flores Lozano, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial realiza unha achega económica a esta entidade de 22.000 euros. Con esta axuda, Raiolas Lugo desenvolverá o programa Intervención en contextos naturais, que atenderá a 82 persoas que padecen TEA (Trastorno do Espectro Autista) e a 157 pais e nais. 

Neste encontro, o máximo representante da institución provincial puxo en valor o labor que realiza esta entidade e destacou que “dende a Deputación renovamos un ano máis a colaboración que mantemos con Raiolas Lugo, porque somos plenamente conscientes da importancia de apoiar entidades coma esta, que dedican todos os seus esforzos a mellorar a calidade de vida das persoas con TEA e, en consecuencia, a das súas familias”. 

O programa Intervención en contextos naturais presta un servizo de apoio ás persoas que padecen Trastornos do Espectro Autista ou Trastornos de Comunicación Social, así como aos seus pais e nais. En concreto, este proxecto, que se desenvolve nos propios domicilios, proporciónalles un servizo de apoio e guía para que estes usuarios poidan desenvolver ao máximo as súas capacidades, facilitando a comunicación e a comprensión das súas necesidades por parte das familias. 

Neste senso, os usuarios traballan no benestar emocional, na evolución do xogo, nas competencias comunicativas, ou na prevención de actitudes problemáticas, entre outras cuestións. No caso das familias, este servizo facilítalles pautas sobre a interacción e a intervención na vida diaria, así como apoio terapéutico e asesoramento en técnicas de modificación de conduta. Ademais, Raiolas Lugo realizará un seguimento cada 15 días para valorar as actividades realizadas e o enfrontamento ás novas necesidades ou as dificultades que poidan xurdir. 

Raiolas


A Asociación Raiolas constituíse no ano 2000 co obxectivo de mellorar a calidade de vida e a plena integración familiar e social das persoas con TEA ou TCS. A entidade, que tamén orienta aos pais e nais dos usuarios, presta un servizo psicopedagóxico e de logopedia e desenvolve actividades como obradoiros grupais, formación ou charlas. Así mesmo, conta cun programa de intervención individualizada, orientado a atender distintas áreas relacionadas coa estimulación cognitiva ou o autocontrol, e outro grupal, no que os usuarios poden compartir experiencias con outros compañeiros.