Deputación de Lugo

A Deputación investirá preto de 115.400 euros para mellorar a estrada provincial LU-P-5806, no Saviñao

Xunta de Goberno
Pilar García Porto
Foto de arquivo Xunta de Goberno
- A Xunta de Goberno acordou licitar as obras de acondicionamento nesta vía, que une a parroquia de Freán coa vía autonómica LU-617, e que se realizarán nun tramo de algo máis de 8 quilómetros

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación das obras de acondicionamento e mellora nun treito de algo máis de oito quilómetros na estrada provincial LU-P-5806, que vai dende a parroquia de Freán ata a vía autonómica LU-617, ao seu paso por Diomondi, no concello do Saviñao. A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informou que o orzamento desta actuación ascende ata os case 115.400 euros e o prazo de execución do proxecto será de dous meses desde o inicio dos traballos. 

García Porto destacou que “o tramo que se acondicionará vai desde o inicio da estrada ata o punto quilométrico 8,181 e as obras consistirán na reapertura de cunetas, na reparación de afundimentos e na repavimentación do firme”. 

Así mesmo, a Deputada sinalou a relevancia deste proxecto para a zona da Ribeira Sacra “porque esta vía dá acceso a importantes recursos turísticos como a contorna de Belesar ou ao antigo palacio episcopal de Diomondi, que hoxe emprégase como un albergue de peregrinos ao seu paso pola ruta xacobea do Camiño de Inverno”, valorou García Porto. 

Con este novo investimento a Deputación continúa mellorando a rede de estradas provincial e, a modo de exemplo, Pilar García Porto mencionou as obras que se iniciaron esta mesma semana na LU-P-4202 e que contan cunha achega por parte da institución provincial de 80.000 euros. 


Remanentes Plan Único 2023


Finalmente, a Xunta de Goberno aprobou tamén dúas solicitudes do Concello de Viveiro para investir remanentes do Plan Único do ano 2023 en novas actuacións. Por unha banda, este municipio destinará preto de preto de 10.000 euros para a reposición de servizos urbanos en diferentes vías na zona de Granxas, na parroquia de Covas; e por outra, achegará algo máis de 6.500 euros para a integración do espazo do skate park na zona deportiva de Lodeiro, un proxecto que contribuirá a ampliar a oferta de lecer deste concello mellorando os seus servizos públicos.