Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Barreiros acolleu unha cata comentada de viños da IXP Terras da Navia, promovida pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación

IXP TERRAS DO NAVIA
Barreiros
DANIEL GARCÍA
Daniel García animou "á hostalería e á restauración a seguir apoiando a comercialización e a venda de produtos de proximidade"

Barreiros acolleu este venres unha charla divulgativa e unha cata comentada sobre os viños da IXP Terras do Navia, organizada pola Asociación Galega de Viticultura e a FRUGA co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Barreiros.

O deputado de Rural Daniel García participou na actividade, enfocada á promoción dos viños da conca do Navia entre a distribución e a hostelería e que contou tamén coa participación de Roberto Rivas, presidente da Asociación Galega de Viticultura, e dos adegueiros Xosé Antonio Meixide e Manuel Cancio, así como do sumiller Martín Santos, encargado de guiar a degustación dos distintos viños que se comercializan co selo da IXP - de Adega Panchín, Adega  Sidrón e Bodega da Señora-.

Na súa intervención, o deputado provincial e concelleiro de Participación en Barreiros  valorou “o traballo desenvolvido ao longo dos últimos anos polos adegueiros da conca do Navia para aproveitar o potencial produtivo da zona, recuperando os seus viñedos e impulsando un selo de calidade propio” e animou á distribución e á hostelería “a seguir apoiando a comercialización e o consumo de produtos de proximidade, que son fundamentais para a viabilidade dos nosos sectores primarios e destes proxectos pegados ao territorio”

Durante a xornada, presentouse o Manual de Boas Prácticas na IXP Terras do Navia, un documento elaborado pola Fruga e a Asociación de Viticultura de Galicia que recolle todos os procesos de elaboración do viño, dende o cultivo ata a comercialización, recollendo tamén aspectos sobre o marco normativo e o mantemento da maquinaria, e que pretende servir de guía para adegueiros e adegueiros que aposten pola produción na zona.

A actividade en Barreiros pecha o ciclo de charlas divulgativas e catas promovidas pola área de Rural para ampliar o coñecemento da conca do Navia e dos seus viños tras lograren o pasado ano o certificado de calidade, que se celebraron tamén en Lugo, Vilalba e Viveiro nas úlitmas semanas.

Con elas, a área provincial deu continuidade á colaboración que mantivo nos dous últimos anos coa Asociación Galega de Viticultura, desenvolvendo diferentes accións de formación e asesoramento a mozos e mozas con interese por emprender o seu proxecto de vida vencellado aos viños de Terras de Navia, co obxectivo de recuperar a produción de viño na zona e reverter o abandono de viñedos que se deu nas últimas décadas.