Unha escultura de Soledad Penalta  leva ao xardín do Museo Provincial de Lugo a loita das mulleres por alcanzar a igualdade

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
IRIA CASTRO
Soledad Penalta
ARTISTAS GALEGAS
ESCULTURA
A peza, de 2,4 metros de alto, quedou instalada no xardín  do Museo Provincial, que  amplia así o seu valor patrimonial

O xardín do Museo Provincial de Lugo conta cunha nova obra: unha escultura da artista e académica Soledad Penalta, adquirida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para ampliar os fondos de arte contemporánea feminina.

A artista noiesa e a deputada de Cultura Iria Castro, acompañadas pola directora do Museo Aurelia Balseiro e pola xerente da Rede Museística Encarna Lago, presentaron esta tarde a peza, “Visibilidade”, unha estrutura en aceiro corten, de 2,4 metros de altura, que simboliza a loita das mulleres por alcanzar a igualdade e o recoñecemento en distintos eidos.

Iria Castro agradeceu "a xenerosidade da artista que con esta peza fai unha homenaxe colectiva a todas as mulleres” e manifestou “o compromiso dos museos provinciais co apoio e a visibilización das mulleres artistas”, que a escultora valorou tamén na presentación da obra.

A peza amplía o valor patrimonio do xardín do Museo Provincial, a carón da rúa Nova, que conta cunha decena de esculturas de artistas de Portugal e Galiza. A inauguración complementa, por outra parte, a exposición da mostra “Emocións” de Soledad Penalta, que pode verse na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo ata o 30 de setembro.

A adquisición da peza de Soledad Penalta incide no apoio e na visiblizacion das mulleres artistas que desenvolven os museos provinciais dentro do programa “Recoñecer, Representar e Redistribuír”. Nese marco, o pasado mes de xullo presentouse no Pazo de Tor a peza “Todo é ilusión” adquirida a artista e tamén académica Pamen Pereira.

Súmanse ás adquiridas a comezos do ano ás artistas emerxentes que participaron na mostra colectivo “As 7 e 7”:  Andrea Otero, Noa Costas Martín, Christina Chiarroni, Carmen Quintáns, Sabela Eiriz, Greta Debelius e as irmáns Noa e Lara Castro Lema, e á obra "Notas no latexo  do unánime e cego" de Carla Andrade, que fan unha decena de pezas incorporadas ao longo do semstre ás coleccións dos museos.