Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

O Valadouro reunirá máis dunha vintena de equipos de fútbol oito no primeiro torneo de base na comarca tras o verán, o 14 de setembro

O Valadouro
A Vicepresidencia da Deputación colabora na organización do evento, organizado pola Concellería de deportes do Valadouro e a AD Río Ouro

O campo do Árbol do Valadouro acollerá o vindeiro sábado 14 de setembro un torneo de fútbol base organizado pola concellería de Deportes do Valadouro e a AD Río Ouro, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O deputado de Mocidade Daniel García, o concelleiro de Deportes do Valadouro Eliseo Teijeiro, e representantes do club organizador presentaron o torneo, que  reunirá máis dunha vintena de equipos das categorías alevín, benxamín e prebenxamín de clubs de Lugo e Asturias e que será un dos primeiros en celebrarse na provincia tras o parón da actividade competitiva e de adestramentos que supón o verán.

O deputado Daniel García valorou “a colaboración entre o concello e ao club para organizar este evento e para ofrecer ás nenas e nenos do concello alternativas de ocio saudable ao longo do ano”  e incidiu na “relevancia do deporte como motor de dinamizacion social, especialmente nos concellos pequenos”

O concelleiro do Valadouro  Eliseo Teijeiro explicou “a aposta do goberno local por reforzar a actividade deportiva e revitalizar as instalacions do Árbol coa celebración de eventos como este torneo, que traen xente ao concello e poñen en valor o traballo da AD Río Ouro”

A Vicepresidencia da Deputación colabora na  organización do evento, reforzando o apoio que ofrece ao club valadourés  e ao tecido deportivo a través das axudas de concorrencia para entidades deportivas.