ASPACE Lugo recoñece o apoio constante da Deputación na celebración do seu 30 aniversario
A institución provincial mantén un compromiso firme con Aspace, achegando 12.000 euros anualmente para financiar o Programa de Estimulación Multisensorial, que beneficia a 24 usuarios, principalmente nenos e persoas con grande dependencia
O evento coincidiu coa conmemoración do Día Mundial da Parálise Cerebral, no que se leu un manifesto baixo o lema da campaña deste ano, Envejecer, Decidir, Vivir
A Asociación de Persoas con Parálise Cerebral de Lugo (ASPACE Lugo) celebrou este xoves o seu 30º aniversario cun acto no Hotel Torre de Núñez, onde recoñeceu o apoio constante da Deputación de Lugo á entidade social. O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, recibiu da man da Presidenta do colectivo lucense, María FernandaArrojo, este recoñecemento en nome da Deputación, destacando a colaboración continua e o compromiso co colectivo.
O evento coincidiu coa conmemoración do Día Mundial da Parálise Cerebral, no que se leu un manifesto baixo o lema da campaña deste ano, Envejecer, Decidir, Vivir. No manifesto salientouse a importancia de visibilizar os dereitos das persoas con discapacidade e a necesidade de apoios flexibles para garantir un envellecemento digno e autónomo.
Carlos López agradeceu a ASPACE esta distinción, sinalando que "a colaboración continua entre a Deputación e a entidade social é fundamental na defensa e promoción dos dereitos das persoas con parálise cerebral". Ademais, eloxiou o labor de ASPACE Lugo durante estas tres décadas, subliñando que "é un deber moral e social apoiar iniciativas que melloran a calidade de vida e a autonomía das persoas con discapacidade".
Compromiso con Aspace Lugo
O compromiso da Deputación de Lugo con Aspace tradúcese en apoios como a achega anual que mantén co colectivo de 12.000 euros, destinados ao financiamento do Programa de Estimulación Multisensorial. Este programa inclúe actividades como sesións en piscina climatizada e fisioterapia, beneficiando a un total de 24 usuarios, entre os que se atopan principalmente nenos e persoas con grande dependencia. “Estas actividades son fundamentais para mellorar a mobilidade e reducir a espasticidade dos participantes, contribuíndo así de xeito significativo á súa calidade de vida”, sinalou Carlos López.
30 anos mellorando a vida das persoas con parálise
ASPACE Lugo leva 30 anos traballando pola inclusión social e a mellora da calidade de vida das persoas con parálise cerebral e as súas familias. O seu labor abrangue programas de atención directa, apoio psicosocial, e iniciativas que buscan mellorar a autonomía e integración das persoas con discapacidade.