Deputación de Lugo

O Presidente constitúe a Comisión de Estudo do Centro de Atención a Maiores de Becerreá

José Tomé Roca
Comisión de Estudo CAM de Becerreá
- José Tomé Roca presidiu este venres no Pazo de San Marcos a primeira reunión da comisión, que ten como obxectivo elaborar o estudo de viabilidade, a memoria de réxime xurídico, así como outros trámites necesarios que derivarán na posta en marcha desta residencia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, constituíu este venres a Comisión de Estudo do Centro de Atención a Maiores de Becerreá na Sala de Xuntas da Deputación de Lugo. “Esta Comisión responde a dar un paso máis, igual que fixemos co resto de centros de atención a maiores, para seguir co procedemento necesario para avanzar de cara a apertura desta residencia”, afirmou, ao tempo que explicou que desta comisión “sairá o estudo de viabilidade, a memoria de réxime xurídico, así como outros trámites necesarios que derivarán na posta en marcha desta residencia”. 


A Comisión está conformada polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Secretario Xeral da Deputación, a Interventora da Deputación, a xefa do servizo de Contratación e Fomento, a xefa do servizo de Recursos Humanos, a xefa do servizo de Benestar Social e Igualdade e a xefa de sección I de Servizos Sociais Comunitarios. 

 

Tomé Roca explicou que “temos o compromiso firme de poñer en funcionamento o centro residencial o antes posible, que non haxa ningunha dúbida, pero temos que dar os pasos que son necesarios”. Relatou que agora mesmo a Deputación está pendente de que a empresa subministradora lle proporcione a autorización do enganche á rede para dar por rematado o proceso de construción e instalación do Centro de Transformación, o que o dotará da subministración eléctrica necesaria á residencia. 
As obras da residencia entregáronse a finais do 2021, pero o proxecto presentado no seu momento polo Concello de Becerreá carecía de Centro de Transformación, un elemento imprescindible para o funcionamento dun edificio destas características. Polo tanto, a Deputación viuse na obriga de elaborar un proxecto e licitar esta nova obra, que ascendeu a máis de 100.000€, e que se viu comprometida pola crise dos materiais que se viviu coa guerra de Ucraína, o que atrasou o desenvolvemento dos traballos. 


Rede Provincial de Centros de Maiores


Tomé Roca evidenciou que a Deputación de Lugo ten a firma vontade de cumprir co seu compromiso de poñer en marcha a residencia de Becerreá, igual que cos compromisos adquiridos co resto de concellos con proxectos en marcha ou como demostrou coa apertura de 6 residencias no pasado mandato. De feito, a día de hoxe, ten 9 centros abertos, un construído pendente de equipar, 3 en construción e 6 en tramitación, co que se completaría a rede de 18 residencias na provincia.  “Isto pon de manifesto que a Deputación de Lugo antepón os intereses das persoas maiores da provincia pese a non ter as competencias nesta materia, o que contrasta coa sorprendente pasividade da Xunta de Galicia nas últimas décadas ao respecto. Non creou nin unha soa praza pública nos últimos 20 anos na provincia de Lugo”, incidiu o Presidente.