A Deputación recibe no Museo de Quiroga aos participantes no Congreso Nacional de Paleontoloxía
A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, recibiu este sábado no Museo de Quiroga aos participantes no 39º Congreso Nacional de Paleontoloxía que reuniu estes días na Coruña a medio millar de participantes. Este encontro, organizado pola Sociedade Española de Paleontoloxía, remata hoxe cunha visita a un xacemento de fósiles situado en Ribas de Sil.
“Albergar un encontro destas características posiciona a nosa provincia como un foco de interese científico na paleontoloxía”, valorou a Deputada, quen destacou o impacto que pode ter no desenvolvemento económico do territorio e na divulgación científica entre a poboación local. Lembrou ademais que a Deputación de Lugo colabora coa promoción deste territorio, achegando ao Xeoparque Montañas do Courel 25.000€ de maneira anual.
Destacou que a institución provincial ten un compromiso co desenvolvemento sostible do noso rural, porque segundo explicou “sabemos que para que o rural teña futuro ten que contar con servizos públicos e cun sector produtivo forte e capaz de xerar emprego e riqueza”. Nese sentido agradeceu aos organizadores ter escollido este territorio como parte do seu programa, “a vosa presencia aquí é unha oportunidade marabillosa para intercambiar coñecementos e ideas, e para seguir avanzando na divulgación e protección do noso patrimonio paleontolóxico”.
Na clausura participaron xunto á Deputada, o Presidente do Xeoparque Montañas do Courel e Tenente Alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro; o Alcalde de Quiroga, José LuisRivera; e a Alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, entre outras autoridades.