Deputación de Lugo

O Presidente defende na apertura do curso da UNED as posibilidades do ensino a distancia para adaptarse aos retos do presente

UNED
Lugo
apertura
CURSO
2024-2025
José Tomé Roca participou este martes na cerimonia de inicio do curso académico do centro asociado da UNED en Lugo 2024/2025, poñendo en valor o compromiso da Deputación cunha formación “de calidade, accesible e universal” que abre portas a todas as persoas sen importar as súas circunstancias

O Presidente da Deputación de Lugo e Vicepresidente da Xunta Reitora do Centro Asociado da UNED Lugo,José Tomé Roca, participou este martes na inauguración do curso académico 2024/2025 do centro universitario lucense. Un acto ao que asistiron tamén a vicereitora de Estudantes e Inclusión, Ana María LisbonaBañuelos; a concelleira de Cohesión Social e Territorial, Ana González Abelleira; a directora da sede universitaria lucense, Ana Belén Traseira; e a politóloga, xornalista e correspondente da Televisión Española, ÉrikaReija, que foi a encargada de impartir a lección inauguralO poder da información.

José Tomé deulle a benvida á comunidade universitaria da UNED en Lugo, ao profesorado e aos alumnos e alumnas. Lembrou que, desde o ano 2007, a provincia conta cun novo centro asociado da UNED, no que a Deputación xogou un papel clave. “Desde entón, mantivemos unha colaboración constante coa UNED en Lugo, convencidos de que apostar por esta institución é apostar por unha educación superior de calidade, accesible e universal”, afirmou. 

O mandatario provincial subliñou que a UNED “é sinónimo de modernidade, sendo pioneira na formación a distancia e na flexibilización dos plans de estudo, e na atención personalizada do alumnado”. Ademais a UNED de Lugo imparte una excelente programación académica máis alá da cidade, abarcando aulas en Monforte de Lemos, Foz e Viveiro.Isto demostra “unha notable capacidade para adaptarse aos retos do presente, incorporando temas relevantes como a igualdade de xénero e dos programas relacionados coa sostibilidade”. 

O Presidente enfatizou o compromiso da institución provincial cun modelo educativo a distancia que “facilita a moitas persoas a oportunidade de compaxinar as súas vidas co acceso á formación superior”, garantindo unha educación continua “de calidade, accesible e universal” que abre portas a todas as persoas sen importar as súas circunstancias, incidiu. 


Para rematar, destacou a traxectoria profesional da conferenciante deste ano, a xornalista ÉrikaReija, e desexou a todo o alumnado e claustro docente “un curso cheo de éxitos, de vida e de aprendizaxe”.