Deputación de Lugo

O Presidente impulsa o Xeoparque Montañas do Courel con 25.000€ para poñer en valor “unha xoia xeolóxica única na provincia”

José Tomé Roca
Convenio Xeoparque Montañas do Courel
- José Tomé Roca asinou no Pazo San Marcos co Presidente do Xeoparque Mundial Montañas do Courel, Roberto Castro González, un acordo para colaborar en diferentes accións encamiñadas a promocionar o territorio e difundir a súa riqueza natural


- “Este territorio é un verdadeiro museo xeolóxico ao aire libre, cunha variedade de formacións, minerais, estruturas tectónicas e formas que o fan un destino moi atractivo para expertos e afeccionados á natureza”, destacou o mandatario provincial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar no Pazo de San Marcos co Presidente do Xeoparque Mundial Montañas do Courel, Roberto Castro González, un convenio de colaboración para impulsar este territorio declarado pola UNESCO cunha achega económica de 25.000€. Este acordo sirve para levar a cabo diferentes accións encamiñadas a promocionar o territorio e difundir a súa riqueza natural.

“Este territorio é un verdadeiro museo xeolóxico ao aire libre, cunha variedade de formacións, minerais, estruturas tectónicas e formas que o fan unha xoia xeolóxica única na provincia e un destino moi atractivo para expertos e afeccionados á natureza”, destacou o mandatario provincial. Sinalou que o acordo axuda ás Montañas do Courel a promocionarse de acordo co modelo de turismo polo que aposta tamén a institución provincial: de proximidade, de experiencias, de calidade e sostible.

Concretamente, o acordo entre a Deputación de Lugo e o Xeoparque Montañas do Courel serviu para colaborar na Semana Europea dos Xeoparques; tamén para organizar a visita de campo das Xornadas da Sociedade Española de Palenontoloxía; para a realización de actividades do Outono Xeolóxico; para realizar un estudo espeleolóxico da sima Aradelas; e outro sobre as bolboretas deste territorio.

Este mes de outubro estanse a desenvolver as actividades do Outono Xeolóxico, entre as que destaca a xeoruta desde Os Albaredos a Os Novais, dirixidas a todos os públicos e interpretada por especialistas en xeoloxía e arte seguindo o Camiño de Inverno; e outra actividade para coñecer as covas do xeoparque, visitando galerías, salas e pozos na sima Aradelas situada ao norte das Montañas do Courel.