A Deputación renova a colaboración anual con ASPANANE no seu compromiso coa atención ás persoas con discapacidade intelectual
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar no Pazo de San Marcos coa presidenta de ASPANANE, María Dolores Fernández, un convenio por importe de 5.000€ para colaborar cos gastos correntes desta asociación. A institución provincial renova así o seu compromiso coa atención das persoas con discapacidade intelectual da provincia, que nos últimos 8 anos se traduciu nun investimento de máis de 165.000€ para o funcionamento desta asociación e as melloras da súa sede.
Tomé Roca explicou que o compromiso da institución provincial con ASPANANE “é moi grande”. “Nos últimos anos colaboramos coa Asociación de Pais e Nais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro cun investimento moi importante que se traduciu en reformas e melloras do seu centro ocupacional situado en Celeiro; en achegas para colaborar cos seus gastos correntes e tamén en continuas colaboracións para a realización de talleres, compra de material e diferentes iniciativas encamiñadas a mellorar a calidade de vida dos seus usuarios e usuarias”. Un compromiso do que Tomé Roca asegurou sentirse “moi orgulloso”.
“As políticas sociais son un dos piares da nosa acción de Goberno, dicímolo sempre e demostrámolo con feitos, asinando convenios coma este ou apostando por unha rede de residencias propias”, valorou Tomé Roca. Detallou que a Deputación destina ás políticas sociais un terzo dos Orzamentos, 38M€ este ano, “un esforzo enorme co que suplimos as carencias da Xunta, que é quen ten as competencias”.