Deputación de Lugo

O Presidente asina en Santiago o convenio para axudar a Viveiro a solucionar as inundacións do barrio da Xunqueira cun investimento da Deputación de 190.000€

José Tomé Roca
María Loureiro García
Viveiro
Convenio A Xunqueira
- José Tomé Roca formalizou no Edificio da Xunta coa Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, o acordo de colaboración entre as tres entidades para aumentar a capacidade hidráulica do río Fontecova

- “Facemos posible que este concello mariñán poida afrontar o investimento que pide a Xunta de Galicia para acometer esta actuación tan necesaria e que terá un impacto enorme na vida da veciñanza, evitando traxedias como a vivida no 2018”, subliñou Tomé

- O proxecto precisa dun investimento total de preto de 1M€ para a ampliación do leito do río, mellora e ampliación dunha das pontes, a creación dunha obra de drenaxe, o traslado do lavadoiro e a instalación dunha nova zona verde

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este luns coa Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez Mejuto, un convenio de colaboración para dar solución ás inundacións do barrio viveirense da Xunqueira. Este acordo, que se formalizou esta tarde en Santiago na sede do Executivo autonómico, servirá para aumentar a capacidade hidráulica do río Fontecova e terá un investimento conxunto de preto de 1M€.

Concretamente, a institución provincial achegará un total de 192.348,73€ en tres anualidades. Un importe que segundo explicou Tomé Roca servirá para “que este concello mariñán poida afrontar o investimento que pide a Xunta de Galicia para acometer esta actuación tan necesaria e que terá un impacto enorme na vida da veciñanza, evitando traxedias como a vivida no 2018”. Nese sentido, o Concello de Viveiro aportará outros 192.348,74€ e Augas de Galicia outros 600.000€.

“Este novo compromiso, que adquirimos co Concello de Viveiro, enmárcase na nosa política de máxima cooperación cos 67 concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”, valorou o mandatario provincial.

Entre as actuacións máis relevantes que contempla o proxecto está prevista: a ampliación do leito do río, con novos muros de contención; a renovación e ampliación da ponte existente pouco máis arriba da estrada autonómica LU-540; a creación dunha obra de drenaxe pegada á ponte medieval Camiño da Fonte; a instalación dunha nova zona verde ao final da rúa na que se situará a fonte pública; e o traslado do actual lavadoiro, que se instalará máis abaixo do curso do río. O prazo previsto para a execución dos traballos é de 8 meses desde que comecen as obras.

O da Xunqueira é un barrio histórico situado en Viveiro que se viu moi afectado pola riada de novembro do 2018, na que faleceu unha persoa. Mediante este acordo, o Concello pretende dinamizar e poñer en valor esta zona que noutro tempo foi un motor económico para a cidade e axudar a fixar poboación a través da súa rehabilitación.