A Deputación realza o labor e a calidade da USC na apertura do II Encontro Alumni que se celebrou en Lugo
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, participou na tarde deste venres na inauguración da segunda edición do Encontro Alumni da Universidade de Santiago de Compostela (USC), organizado pola Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC. A xornada, que acolleu a Casa do Saber de Lugo, centrouse na relación entre os estudos superiores e o éxito empresarial.
Pablo Rivera agradeceu ao colectivo elixir Lugo para celebrar este encontro e puxo en valor o traballo da USC que a sitúa “nos postos sinalados dos rankings de universidades internacionais”, destacando a súa capacidade para captar talento e xerar coñecemento. Destacou ademais a importancia de iniciativas como a rede Alumni, que "reforzan o sentimento de pertenza e consolidan a proxección da USC no ámbito nacional e internacional".
Lembrou o Deputado o compromiso da institución provincial coa Universidade de Santiago de Compostela a través de proxectos no Campus Terra e a Granxa Gayoso Castro. "Somos a institución provincial que máis inviste en ensino universitario porque cremos que a universidade pública é un motor de transformación social e económica. Cada euro destinado á universidade pública xera un retorno de entre catro e cinco euros para a sociedade”, sinalou.
Así mesmo, Rivera Capón reiterou o firme apoio da Deputación ao desenvolvemento dos campus de Santiago e o Campus Terra, destacando que "o voso proxecto é un claro reflexo da vitalidade da USC e do futuro prometedor dos seus campus. Un camiño no que sempre podedes contar co respaldo desta institución, que tamén se sente parte deste colectivo Alumni".