Deputación de Lugo

A Deputación asiste á entrega dos VII Premios Rafael Crecente de iniciativas innovadoras de xestión territorial

Carlos López
premios
IBADER
O Deputado de Medio Ambiente participou no acto de entrega que tivo lugar no Salón
de Actos da Escola Politécnica Superior e destacou o compromiso da institución
provincial coa ensinanza pública superior

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, participou esta tarde no Salón de Actos
da Escola Politécnica Superior, do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela,
na entrega da VII edición dos Premios Rafael Crecente, de iniciativas innovadoras de xestión
territorial. Este recoñecemento está impulsado polo Instituto de Biodiversidade Agraria e
Desenvolvemento Rural (IBADER).


López apuntou que o evento “ten unha carga simbólica especial, pois é unha homenaxe a
Rafael Crecente Maseda, unha figura pioneira na conservación do medio ambiente, o
desenvolvemento do rural e a xestión territorial. A súa traxectoria é un exemplo de compromiso
coa nosa terra e un referente para todos os que traballamos nestes ámbitos”. Así mesmo, puxo
en valor o papel fundamental que desempeña a universidade pública no desenvolvemento da
provincia, “coa que a Deputación ten un compromiso firme, sendo a institución provincial de
España que máis achega á universidade”.


“No caso do Campus de Lugo, cómpre destacar o vínculo estreito entre docentes,
investigadores e o sector agrario e gandeiro. Este diálogo constante, que apoiamos e
respaldamos dende a Deputación, co sector primario permite o desenvolvemento de
innovacións científicas que melloran os procesos produtivos, potencian o benestar animal e
fomentan a creación de novos produtos e técnicas de traballo. Este enfoque, que une tradición
e innovación, é esencial para asegurar un futuro sostible para o noso rural”, afirmou o
Deputado.

Os premiados

Felicitou aos premiados e premiadas, que este ano foron Alejandro Álvarez pola iniciativa
Establecemento dun sistema silvopastoral no monte público de Rascalobos, que gañou o
primeiro premio; a Lucía Gómez Taboada, pola Avaliación do comportamento do lume
potencial en rodais de Piñeiro, que gañou o 2º premio; e a Fernando Cabana Porto, polo seu
traballo Análises xenómicas en poboacións naturais de Arnica Montana L., polo “seu traballo e
o éxito que supón acadar este prestixioso galardón”. Destacou ademais que o profesor Rafael
Crecente foi un pioneiro na conservación do medio ambiente, o desenvolvemento do rural ou a
xestión do territorio e “penso que o mellor xeito de honrar a súa memoria e seguir investigando
nas áreas ás que el dedicou o seu traballo”.