Deputación de Lugo

O Presidente anuncia en Cervantes que a Deputación de Lugo reforzará o apoio ao tecido asociativo dos Ancares

José Tomé Roca
Cervantes
Reserva Ancares
Encontro coas asociacións da Reserva dos Ancares
- José Tomé Roca reuniuse este xoves na Montaña cos representantes dunha decena de colectivos da comarca que contribuíron este 2024 ao desenvolvemento sostible do territorio grazas a un investimento da institución provincial de 50.000€

- Explicou que a Deputación incrementará no 2025 as partidas das axudas destinadas a estas entidades asociativas que traballan nesta Reserva, no marco do compromiso do Goberno provincial con estes espazos protexidos, co rural e co medio ambiente

- “Grazas ao voso esforzo, estades contribuíndo a que a Reserva da Biosfera dos Ancares se consolide como un espazo de referencia en termos de protección ambiental e como modelo de desenvolvemento equilibrado e inclusivo”, valorou o mandatario provincial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este xoves en Cervantes que a institución provincial reforzará o apoio ao tecido asociativo dos Ancares. Fíxoo nun encontro que se celebrou no Edificio Multiusos de San Román cos representantes dunha decena de colectivos da Montaña que este 2024 contribuíron ao desenvolvemento sostible do territorio grazas a un investimento de 50.000€ da Deputación.

Na reunión, na que tamén estiveron presentes o Alcalde cervantego, Benigno Gómez; o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López; e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera; o mandatario provincial explicou que a Deputación incrementará no 2025 as partidas das axudas destinadas a estas entidades asociativas que traballan nesta Reserva, no marco do compromiso do Goberno provincial con estes espazos, co rural e co medio ambiente.

“Grazas ao voso esforzo, estades contribuíndo a que a Reserva da Biosfera dos Ancares se consolide como un espazo de referencia en termos de protección ambiental e como modelo de desenvolvemento equilibrado e inclusivo”, valorou Tomé Roca. Destacou o compromiso da Deputación co tecido asociativo da provincia e valorou que o seu “dinamismo e variedade” constitúen “unha das grandes fortalezas desta provincia no desenvolvemento do seu futuro.”

Sinalou o despoboamento, o acceso a recursos e servizos e a necesidade de crear oportunidades para a mocidade como algúns dos retos dun territorio que ten unha  importancia que “vai máis alá das fronteiras de Lugo, xa que se trata dun espazo recoñecido internacionalmente pola súa riqueza natural, cultural e paisaxística”.

Unha ducia de proxectos de desenvolvemento nos Ancares


Puxo en valor o Presidente os diferentes proxectos nos que están a traballar este ano as diferentes entidades, “todos vinculados ao medio ambiente e ao rural que poñen en valor o patrimonio natural e cultural e contribúen, desta forma, ao desenvolvemento sostible aproveitando os recursos propios da contorna”. Cada unha destas iniciativas contou cunha achega da institución provincial de entre os 1.000€ e os 7.000€ para o seu desenvolvemento. E sinalou como exemplos a asociación que traballa no coidado dos teitos das pallozas, ou ao colectivo que impulsa a marcha nórdica contribuíndo a difundir unha práctica deportiva e saudable no territorio.

Entre os participantes do encontro reuníronse este mediodía representantes da Asociación Cultural Deportiva Chao de Sebes (Becerreá), Asociación Galega de Custodia do Territorio (Lugo), Asociación Cultural O Teixeiro (Cervantes), Asociación Ser (Navia de Suarna), Asociación Teitos de Piornedo (Cervantes), o CPI Cervantes, Asociación Xuvenil Cultural A Cambela (Cervantes), Asociación Rente ao Couce (Becerreá), Asociación Montes e Vales (Baleira) e a Sociedade Micolóxica Lucus.