Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo
Economía

A Deputación impulsa uns premios Son Muller que volven recoñecer o talento empresarial feminino

Premios Son Muller
O Deputado de Promoción Económica e Social participou na sétima edición destes galardóns e sinalou que a institución provincial “sempre estará ao carón de iniciativas como esta fundamentais na construción dunha sociedade igualitaria”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres na gala de entrega dos sétimos premios Son Muller, celebrada no Círculo das Artes de Lugo. Uns galardóns impulsados pola Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia (AELU) co apoio da Deputación, que recoñecen o talento empresarial feminino da provincia. 

“Consolidados xa como un referente”, afirmou o Deputado, “estes galardóns “teñen un recoñecemento específico para o emprendemento no rural, algo que me parece moi importante porque o futuro do rural tense que escribir en feminino. Se a falla de emprego, de oportunidades ou de servizos públicos afastan ás mulleres do rural, o rural non terá futuro”.

Destacou durante a súa intervención que a Deputación “sempre estará ao carón de iniciativas como esta” porque “cada proxecto liderado por mulleres que florece, representa un paso adiante na construción dunha sociedade máis igualitaria, onde todas as persoas teñan as mesmas oportunidades para desenvolver o seu potencial”.

A Deputación colabora economicamente con AELU para sacar adiante este certame, que dota os premios Son Muller con 1.000€ en metálico á gañadora, e o segundo, en 500€. En ambos casos, as galardoadas obteñen un ano de cota gratuíta como asociadas de AELU e un xogo de artesanía en cerámica, Matrioskiñas Galegas, elaborado e deseñado exclusivamente para estes premios.