Cultura
Deputación de Lugo

O Museo Provincial de Lugo difundirá o legado artístico e político de Castelao cunha programación polo 75 cabodano do seu pasamento

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
ANO CASTELAO

O Museo Provincial de Lugo dedicará o primeiro trimestre de 2025 á difusión do legado artístico e pensamento político de Castelao coa programación conmemorativa “75 cabodano de Castelao (1950-2025)” .

A deputada de Cultura Iria Castro, a directora do Museo Aurelia Balseiro e a xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago avanzaron os proxectos expositivos, relatorios e obradoiros que se desenvolverán nos tres primeiros meses do ano, coa colaboración de diferentes institucións galegas.

A primeira en inaugurarse será a exposición bibliográfica “75 anos da sinatura de As Cruces de pedra na Galiza” do Museo do Pobo Galego, que reúne unha escolma de obras sobre esta temática editadas nos países europeos do arco atlántico e que se poderá ver en Lugo do 3 de xaneiro ao 30 de marzo.

O Museo tamén acollerá de xaneiro a marzo a exposición fotográfica “Castelao: O retorno a Galicia, 1984”, con medio cento de imaxes realizadas por Xan Carballa nos actos celebrados en Compostela con motivo da chegada a Galiza dos restos de Castelao, 24 anos depois da súa morte no exilio en Arxentina.

O outro proxecto expositivo que poderá verse no Museo é “Castelao. De Sempre en Galiza ao Consello de Galiza (1934 – 1944)”, que afonda no pensamento político de Castelao a partir de de dous fitos: a publicación do libro “Sempre en Galiza”, un alegato a prol do recoñecemento da identidade nacional de Galiza e do seu autogoberno, e da creación do Consello de Galiza,  goberno galego no exilio que presidiu.

No capÍtulo de relatorios, o día 20 de febreiro, o Museo Provincial de Lugo acollerá a ponencia “Castelao e as cruces de pedra, os comezos da investigación científica sobre os cruceiros” de Fernando Arribas. O día 28 de febreiro, celebrarase a II Xornada dedicada á vixencia de Castelao na arte e no pensamento galego, coordinada por Pilar García Negro e Aurelia Balseiro, con intervencións de Miguel Anxo Seixas, Iria-Friné Rivera, Victoria Carballo Calero, Diana Vila Meis e Francisco Rodríguez.

A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “a programación se inscribe na celebración conxunta do 75 aniversario do pasamento de Castelao que coordina o Consello da Cultura Galega e na que participan institucións culturais de toda Galiza, un marco que permite proxectar en todo o país tanto as actividades organizadas e o coñecemento xerado a partir delas como a obra de Castelao no Museo Provincial de Lugo, que conta cunha sala monográfica inaugurada precisamente no 60 aniversario do seu pasamento”

Castelao no Museo Provincial de Lugo

O Museo Provincial de Lugo conserva entre os seus fondos unha trintena de obras de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, A Coruña 1886 - Bos Aires, Arxentina 1950), exposta íntegramente ao público: unha sala monográfica dedicada ao artista, onde se recollen debuxos, gravados realizados con diversas técnicas e unha acuarela, feitos na súa maioría nos anos vinte do século XX, ubicada na sala 25 da primeira planta, e dous óleos sobre cartón, “Asno e gaivotas” e “Paisaxe con castiñeiro”, que se poden ver na sección de Arte Galega.

Castelao: Raíces migrantes

Como preludio desta programación, os catro museos provinciais acollen nos últimos días de decembro e primeiros de xaneiro o ciclo de obradoiros “Castelao. Raíces migrantes” impartidos por Alexandra R. Rey, que exploran a figura de Castelao desde a perspectiva das migracións, conectando a súa vida, obra e pensamento con historias migratorias de persoas anónimas.
Museo Provincial do Mar . 26 de decembro de 11.00 a 13.00 horas
Museo Provincial de Lugo. 27 de decembro de 17.00 a 19.00 horas.
Museo San Paio de Narla. 2 de xaneiro de 11.00 a 13.00 horas
Museo Pazo de Tor 3 de xaneiro de 11.00 a 13.00 horas.