Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación achega 100.000€ a Xermade para mellorar en Cabreiros a contorna da praia fluvial e un camiño municipal

Xermade
O Presidente e o Alcalde asinaron un acordo de colaboración que servirá para acondicionar a zona de baño e de xogos infantís desta parroquia e rehabilitar un camiño que dá servizo a lugares como A Amosa e Cristo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos un acordo de colaboración co Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, a través do que a institución provincial financia con case 100.000€ a mellora da contorna da praia fluvial de Cabreiros e un camiño municipal nesa mesma parroquia no lugar de Amosa e Cristo. Neste caso, o Concello comprométese a aportar máis de 30.000€ para chegar a un orzamento total duns 130.000€. 

José Tomé enmarcou este acordo dentro dun dos eixos prioritarios do Goberno da Deputación: a cooperación cos concellos e destacou que estas colaboracións permiten mellorar os servizos públicos e incrementar a calidade de vida dos veciños e veciñas. “Apostamos por reforzar a igualdade de oportunidades para todos. Porque estas achegas permiten a concellos pequenos e rurais, con recursos económicos limitados, como Xermade, desenvolver iniciativas que melloran os servizos de calidade e contribuír a fixar poboación”, sinalou.
Concretamente, este acordo contempla a realización de dúas actuacións na parroquia de Cabreiros. A primeira, cun orzamento de 71.000 euros, consiste na mellora da contorna da praia fluvial co acondicionamento da zona de baño e a área de xogos infantís. A obra contempla a instalación de presas desmontables na época estival co obxectivo de que a veciñanza e os visitantes desfruten dunha mellor área de lecer á beira do río. O Alcalde de Xermade destacou que esta colaboración económica da Deputación servirá “para recuperar unha antiga praia fluvial no río Trimaz na área recreativa de Cabreiros, situada na Rede Natura 2000 e na Reserva da Biosfera Terras do Miño e coa que promovemos un turismo sostible e de calidade”. 
Por outro lado, este acordo permitirá acondicionar un camiño municipal, que dá acceso desde a estrada LU-170 aos lugares de Amosa e Cristo. Os traballos consistirán na limpeza de cunetas, mellora do firme con aglomerado en quente e o pintado da vía.