Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Daniel García recibiu ao CP Altruán de Ribadeo na Deputación de Lugo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Piragüismo
mocidade
CP ALTRUÁN
Ribadeo
Recepción ao CP Altruán no Pazo de San Marcos

O deputado de Mocidade Daniel García recibiu este venres ao CP Altruán de Ribadeo na Deputación de Lugo. Palistas, directiva e familias participaron no encontro no que se recoñeceu o traballo da entidade especialmente nas categorías de base, que ofrece ás rapazas e rapaces de Ribadeo e da contorna unha alternativa de ocio saudable e a posibilidade de formarse e medrar deportivamente nesta disciplina.

Daniel García felicitou "ao club por unha traxectoria ascendente, con deportistas nos podios de campionatos galegos e estatais" e valorou "o esforzo que supón para o club e as familias soster a actividade competitiva nunha disciplina que ten condicionantes específicos polo custo do equipamento e os desprazamentos".

Nese sentido, explicou que "desde a área de Mocidade tratamos de apoiar ese esforzo colectivo ao longo dos últimos anos" complementando a forte aposta polo piragüismo que se fai desde a institución provincial con recursos económicos, formativos e investimentos.

A área de Mocidade colaborou nos últimos anos co CP Altruán na adquisición de equipamento e unha furgoneta. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo financiou tamén a reforma integral do hangar de piragüismo de Ribadeo.