Deputación de Lugo
Economía
Emprego
Infraestruturas

O Presidente anuncia que as obras da última fase do desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena comezarán na primavera

JOSE TOMÉ
convenio
concello de lugo
Avenida Infanta Elena
José Tomé asinou este venres no Pazo de San Marcos o contrato da obra coa empresa adxudicataria, acompañado da Alcaldesa de Lugo, para comezar as obras entre os meses de abril e marzo do tramo final desta actuación urbanística, que abrangue desde a glorieta Garaballa de Arriba á de Benigno Rivera

“Con esta sinatura damos un paso crucial para completar os traballos finais da renovación integral desta vía, que culminará coa transformación iniciada hai dous anos, cando se puxo en servizo o primeiro tramo entre o cruce coa Ronda Norte e a glorieta 25-N”, destacou o Presidente

Enmarcou esta actuación na estreita colaboración entre a institución provincial e o Concello, co que "mantemos un contacto e coordinación permanentes” para executar esta importante obra cun investimento total que suma máis de 2,3M€

A actuación urbanísticaseguirá o mesmo modelo de traballo conxunto, no que o Concello se encarga de promover a obra e aportar os terreos, mentres que a Deputación redacta o proxecto técnico, financia os traballos cunha inversión de 1,3 millóns de euros e tamén se ocupa da execución dos mesmos

“Através desta obra, non só estamos respondendo ás necesidades actuais, senón que tamén estamos mirando cara ao futuro, creando espazos máis seguros e cómodos para os peóns, mellorando o transporte público e garantindo que a cidade estea preparada para os retos que se nos presentan”, afirmou o mandatario provincial

A Alcaldesa de Lugo agradeceu ao Presidente o seu firme compromiso con Lugo, e destacou a relevancia desta obra para a cidade, porque, “ademais de mellorar a seguridade e a mobilidade, tamén contribuirá ao progreso da comunicación dunha zona estratéxica para Lugo, tanto a nivel industrial como comercial"

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este venres o contrato das obras para acometer os traballos da última fase da Avenida Infanta Elena de Lugo, que afecta ao tramo comprendido entre as glorietas de Garaballa de Arriba e Benigno Rivera. Fíxoo na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos co responsable da empresa adxudicataria, Antonio Lucas de Ovisa Pavimentos e Obras SLU, e ante a presenza da Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos Fondo. Segundo avanzou o mandatario provincial, as obras darán comezo previsiblemente na primavera, entre os meses de marzo e abril, logo da firma da acta de replanteo, e terán un prazo de execución de 8 meses unha vez iniciadas .

“Con esta sinatura damos un paso decisivo para levar a cabo os traballos finais que completarán a renovación integral desta vía, culminando así a transformación iniciada hai dous anos co primeiro tramo, entre o cruce coa Ronda Norte e a glorieta 25-N”, destacou o Presidente.


José Tomé explicou que nesta última fase mantense o mesmo modelo de colaboración que na anterior, que “obtivo excelentes resultados e foi moi ben valorada polos veciños da capital e da provincia”, apuntou. Neste sentido, “o Concello foi o encargado de promover a obra e de achegar os terreos, mentres que a Deputación redactou o proxecto técnico, financiará os traballos cun investimento de 1,3 millóns de euros e encárgase á da contratación e execución das obras, que foron adxudicadas á empresa Ovisa Pavimentos e Obras SLU”.


O Presidente enmarcou este proxecto na estreita colaboración que mantén a institución provincial co Concello de Lugo, “co que estamos en permanente contacto e coordinación coa Alcaldesa que hoxe nos acompaña, para compartir este logro necesario para a cidade de Lugo”. Este último tramo, que vai da glorieta Garaballa de Arriba á de Benigno Rivera, dará continuidade ao proxecto xa acometido pola Deputación, cun investimento de máis de 1M€, no treito que discorre entre o enlace da Avenida Infanta Elena coa Ronda Norte e a Glorieta Paulo Fabio Máximo, que conxuntamente suman máis de 2,3M€, o que supón unha colaboración importante co Concello de Lugo. 


 “A través desta obra, non só estamos respondendo ás necesidades actuais, senón que tamén estamos anticipándonos ao futuro, creando espazos máis seguros e cómodos para os peóns, mellorando o transporte público e garantindo que Lugo estea preparado para os retos que se nos presentan”, afirmou o mandatario provincial.


José Tomé tamén resaltou que a actuación urbanística se levará a cabo seguindo os mesmos criterios de humanización e sostibilidade empregados no primeiro tramo, mellorando a seguridade e a comodidade dos peóns, ciclistas e condutores. A intervención será acorde á importancia desta avenida, que non só é a principal entrada a Lugo desde o norte, senón tamén unha vía que concentra unha gran actividade comercial, conecta co polígono industrial do Ceao e distribúe o tráfico pola cidade.


Compromiso polo progreso de Lugo con “feitos e resultados concretos”

O Presidente explicou que esta actuación encaixa perfectamente no firme compromiso da institución provincial co impulso da mobilidade, un factor clave para o desenvolvemento social e económico dos territorios. Neste sentido, a mobilidade constitúe unha das liñas de actuación prioritarias no proxecto de futuro trazado para a provincia de Lugo. “Hoxe, demostramos ese compromiso con Lugo a través de feitos, cumprindo a palabra dada, como sempre facemos, e alcanzando resultados concretos”, subliñou.
José Tomé felicitou á Alcaldesa polo seu traballo e destacou a importancia de continuar avanzando en proxectos que poñen a cidade no camiño do progreso e da modernización, “garantindo que Lugo siga sendo un lugar atractivo tanto para os propios lucense como para os visitantes. O traballo constante e a visión de futuro son fundamentais para que Lugo siga medrando e mellorando, e a súa Alcaldesa demostra un gran compromiso con este obxectivo".


Pola súa banda, a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos Fondo, destacou a importancia que ten para a cidade estas obras. “Hoxe a cidade de Lugo dá un paso máis cara á mellora da mobilidade no municipio, co futuro desdobramento, acondicionamento e humanización dunha das principias vías de acceso á capital, como é a avenida Infanta Elena”. Esta última fase, impulsada pola Deputación de Lugo, “non só mellorará a circulación de vehículos e peóns, senón que tamén terá un impacto positivo na seguridade vial e na distribución do tráfico na zona norte da cidade”.

A Alcaldesa tamén quixo agradecer ao Presidente da Deputación polo seu firme compromiso con Lugo cunha actuación que "favorecerá o modelo de cidade que defendemos, un Lugo aberto, onde se gañan espazos públicos para a veciñanza". Destacou tamén o labor levado a cabo polo Concello para facer posible esta fase final do desdobramento, que requiriu a expropiación de terreos cun orzamento próximo aos 100.000 euros. Segundo explicou, esta xestión implicou unha exhaustiva tramitación para adquirir os terreos necesarios para executar os traballos neste tramo entre a glorieta de Garaballa de Arriba e a glorieta de Benigno Rivera.

"É unha excelente noticia para Lugo e para os veciños e veciñas, porque, ademais de mellorar a seguridade e a mobilidade, tamén contribuirá ao progreso da comunicación dunha zona estratéxica para Lugo, tanto a nivel industrial como comercial", concluíu Alvarellos.


Unha obra relevante para Lugo

O proxecto contempla o desdobramento e a humanización da Avenida Infanta Elena no treito comprendido entre a glorieta Garaballa de Arriba e á de Benigno Rivera.Este tramo, cunha lonxitude total de 466 metros, contará con dúas marxes de calzada dun ancho de 10,25 metros cada unha, distribuídas en tres carrís de circulación por sentido. Ademais, a marxe dereita dotarase dun carril bici cun ancho de 3 metros, e no caso das beirarrúas terán 4,05 metros de ancho a ambos lados, con  árbores, iluminación, bancos e papeleiras. a plataforma da nova entrada vai ser de 32,5 metros de ancho. 

Estes traballos tamén inclúen a renovación e dotación  dos servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras que poida ter a contorna, como pode ser o desenvolvemento de solos urbanos ou urbanizables.

Esta proposta vertebra todas as súas accións tendo en conta o Plan de Mobilidade e Espazo Público de Lugo, onde se establece unha nova xerarquía no uso da cidade, onde o peón é o protagonista, seguido dos medios de transporte non motorizados e o transporte público e, en último termo, o vehículo privado.