A Deputación colabora coa difusión do XII Concurso Lucus Intercentros no que participaron todos os institutos de Lugo
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres na entrega de premios da décimo segunda edición do Concurso Lucus Intercentros, que se celebrou no Salón Multiusos do Edificio da Xunta de Galicia en Lugo. Neste certame de preguntas e respostas participaron alumnos e alumnas de 1º de bacharelato de todos os institutos de Lugo.
Ao igual que en anteriores edicións, o alumnado do Centro de Formación de Audiovisuais da Deputación de Lugo, acompañados por profesores e persoal técnico, realizou a emisión en directo do evento a través da canle de Youtube do Servizo de Audiovisuais da institución provincial.