Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación colaborará co Club de Remo de Ribadeo na adquisición dunha nova furgoneta

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
DANIEL GARCÍA FERNÁNDEZ
mocidade
CLUB REMO RIBADEO
O deputado Daniel García comprometeu o apoio a este investimento, que facilitará os desprazamentos das remeiras e remeiros ribadenses

A área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborará co Club de Remo de Ribadeo na adquisición dunha furgoneta para facilitar os desprazamentos dos e das deportistas e a loxística do club.

A compra dun vehículo foi unha das necesidades que a entidade ribadense trasladou nas últimas semanas a área provincial, despois da avaría que sufriron o pasado mes de decembro durante unha viaxe a Sevilla para disputar o Abierto de Andalucia.

O deputado Daniel García explicou que  “somos conscientes da complexidade dos desprazamentos para o club, que ten a maioría das competicións fóra da provincia e incluso de Galicia, e tamén do esforzo económico que supón adquirir un vehículo destas características, de aí esta colaboración coa que seguimos reforzando o apoio ao remo en Ribadeo e a ese grupo de deportistas que están logrando resultados extraordinarios a nivel galego e estatal.  A avaría que sufriron o pasado mes de decembro de camiño a Sevilla demostra a necesidade de contar cun vehículo con garantías, por razóns deportivas pero sobre todo de tranquilidade e seguridade”, concluíu.

O investimento nun novo vehículo súmase á colaboración suscrita en 2024 para a adquisición dunha nova embarcación, que ampliou o equipamento do club ribadense, que comeza o ano inmerso na preparación das próximas citas para as súas deportistas:  o Campionato Galego de Remo de Longa Distancia que se disputa o 1 e 2 de febreiro e o Campionato de España de Longa Distancia que se disputará en Legutiano, en Euskadi, os días 8 e 9 de febreiro.