O Presidente valora en FITUR “a singularidade e potencial turístico da Mariña Lucense”
O mandatario provincial tamén asistirá esta tarde á presentación da XX edición da Feira Monográfica Náutico-Pesqueira Expomar, da XXXII Xornadas Técnicas, e o XXVI Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou hoxe na presentación da nova campaña promocional da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, titulada A Mariña latexa contigo, que acolleu o stand de Galicia na 45ª edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR). Durante o evento, Tomé Roca destacou “a singularidade e o potencial turístico da comarca”, en referencia ao crecemento constante do turismo na zona.
"A Mariña é un destino que ofrece experiencias únicas, ligadas á natureza, á gastronomía e á cultura, e que se caracteriza pola súa autenticidade e a súa capacidade para conectar co visitante de maneira sostible", declarou o Presidente. "A campaña A Mariña latexa contigo é unha mostra do noso compromiso por poñer en valor todo o que a nosa terra ten para ofrecer, a través das voces dos propios veciños e veciñas, que son os mellores embaixadores do noso territorio".
A campaña busca destacar a riqueza natural e cultural da Mariña, un destino coñecido polas súas praias e paisaxes e polo seu patrimonio histórico, as súas festas tradicionais e a súa gastronomía, especialmente a relacionada co mar. O audiovisual presentado na feira recolle as experiencias de veciños e veciñas de todos os municipios que conforman a comarca, poñendo en valor a autenticidade e a calidade dos recursos turísticos da zona.
O Presidente valorou o traballo que realiza a Mancomunidade de Municipios da Mariña, e o da súa presidenta, Rocío López, e destaca que a Deputación “leva anos traballando man a man coa Mancomunidade para potenciar este tipo de turismo, convencidos de que esta é unha das claves para o desenvolvemento económico e social da comarca”.
José Tomé destacou, ademais, que esta campaña forma parte dun conxunto de accións destinadas a promover un turismo sostible, que respecte os recursos naturais e culturais da comarca. "O turismo na Mariña debe ser entendido como unha ferramenta para xerar benestar económico e social, sen renunciar á preservación do noso patrimonio natural", afirmou.
Impulso internacional para Expomar 2025
O mandatario provincial asistirá tamén esta tarde á presentación da XX edición da Feira Monográfica Náutico-Pesqueira Expomar, da XXXII Xornadas Técnicas, e o XXVI Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras. O acto terá lugar na Casa de Galicia da capital de España, ás 19:30 da tarde, e servirá para promocionar a nivel internacional a importancia do sector pesqueiro e da industria naval para a nosa comarca e para toda Galicia.
A Deputación de Lugo colabora estreitamente coa Fundación Expomar na organización desta feira, como parte do seu compromiso co sector primario. José Tomé agradeceu á presidenta de Expomar, a tamén Alcaldesa de Burela e Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López, a súa invitación para participar na presentación do 20º aniversario desta feira que “conseguiu posicionarse como un espazo de referencia no sector marítimo e pesqueiro, e evolucionar e adaptarse as necesidades do sector”.
A Feira Expomar 2025, que se celebrará entre o 7 e o 10 de maio na nave de redes do porto de Burela, é un gran punto de encontro para os profesionais do sector marítimo e pesqueiro, así como para as administracións públicas, que se reunirán para abordar os retos e as necesidades do mundo do mar.