A Deputación sinaliza en Friol a Pedra das Cazolas tras caer sobre a estrada provincial que une A Devesa e Vilafiz
A Deputación de Lugo sinalizou este xoves en Friol a Pedra das Cazolas tras caer sobre a LU-P-2109, que é a estrada que conecta as parroquias da Devesa e Vilafiz por Gonce. As choivas que caeron estes días abrandaron a terra na que se sitúa este monumento megalítico, ao borde da vía provincial á altura da Ferreira, na parroquia de Serén.
Os técnicos da institución provincial sinalizaron o lugar no que caeu o megálito, duns catro metros de altura, que invadiu a cuneta e parte da calzada; notificaron a Patrimonio da Xunta de Galicia, ao Concello de Friol e tamén a Tráfico. Agora terá que ser un arqueólogo da Xunta o que avalíe os danos na Pedra das Cazolas, que terá que ser levantada polo propietario do terreo privado no que se encontra este monumento. Desde a Deputación de Lugo solicitarase, por cuestións de seguridade, o traslado do megálito que xa caera o ano pasado polo mesmo motivo.
Por outra parte, no que ten que ver coas estradas provinciais, a institución provincial mantén despregado ata este mediodía o operativo que ten mobilizado desde o venres para garantir a seguridade e facilitar a circulación ante os efectos dos temporais. Os 62 operarios e as 40 máquinas da Deputación céntranse esta mañá na neve que caeu esta noite na Montaña, principalmente nos concellos da Fonsagrada, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel e Samos