Medio Rural e do Mar, Mocidade
Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo contribúe á revalorización do Entroido de Val de Francos coa recuperación dun histórico cartel de Vizoso e degustacións de galiña de Mos e Porco Celta

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
RURAL
ENTROIDO DE VAL DE FRANCOS
porco celta
GALIÑA DE MOS

O Entroido de Val de Francos, o máis tradicional da Terra Chá, recuperou, co apoio da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o cartel realizado por Xosé Vizoso para a edición de 1993, unha obra moi lembrada pola veciñanza da que apenas se conservaban exemplares.

A comisión organizadora e o deputado de Mocidade Daniel García presentaron este venres no Pazo de San Marcos o proxecto de recuperación e dixitalización do cartel, que fora encargado ao artista mindoniense polo párroco e impulsor da recuperación do entroido Xosé Manuel Carballo

A obra volve lucir na cartelería desta edición, remarcando o carácter tradicional desta celebración que úne ás parroquias de Goberno, Ansemar e Balmonte, e que ten nos fareleiros e na lectura do sermón os elementos máis singulares, como explicaron na presentación

O deputado de Mocidade Daniel García destacou “o traballo da comisión organizadora que mantén esta tradición,  buscando fórmulas para revalorizala con iniciativas coma a recuperación desta obra de Vizoso que tan ben sintetiza e representa o seu espíritu” e reiterou o apoio da Vicepresidencia da Deputación ao traballo asociativo e da veciñanza no mantemento das manifestacións culturais que nos identifican como pobo.

Degustacións de receita de galiña de Mos e Porco Celta

A demais de apoiar a recuperación do cartel, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Rural, achegará á celebración do Entroido de Val de Francos degustacións de galiña de Mos e de Porco Celta, con produtos de tres ganderías do concello de Castro de Rei.

As persoas asistentes poderán probar carnes destas razas autóctonas en catro receitas. O menú estará composto por croquetas de galo da raza Mos e fabas de Lourenzá con galiña de Mos, elaboradas e servidas pola  asociación de criadores da raza Galiña de Mos Avimós, en colaboración coa granxa Chousa do Lea representada por José Zapata

Tamén se servirá arroz meloso de castañas, boletus e solombo de Porco Celta e lentellas estofadas con panceta e chourizo de porco celta, elaboradas polo cociñeiro Álex Méndez, con produtos dos criadores de porco celta Fernando Saavedra e Pepe Veiga, socios de Asoporcel.

O acto contou coa participación das integrantes da comisión organizadora Ana Canto, Fran Fórneas, Remedios Anido e Maricarmen Gómez, dos gandeiros José Zapata e Pepe Veiga e de representantes de Avimós e Porco Celta.