Deputación de Lugo

A Granxa Gayoso Castro da Deputación acolle unha nova poxa na que se venderon 17 vacas cachenas por un prezo medio de 907€

granxa gayoso castro
Poxa Granxa Gayoso Castro
En total subastáronse 5 machos e 12 vacas e xovencas do centro da institución provincial. O prezo máximo pola venda dun exemplar foi de 1.900€

A Deputación de Lugo celebrou este xoves unha poxa pública de gando na Granxa Gayoso Castro, na que se venderon por un prezo de 15.420€ un total de 17 cabezas de gando bovino das instalacións provinciais. O rabaño subastado estivo formado por un lote de animais da raza cachena, formado por 5 machos e 12 vacas xovencas. 

Unha vintena de gandeiros e gandeiras achegados de diferentes puntos da provincia poxaron por estes animais que acadaron un prezo medio de 907€. O prezo máis alto pagouse por un exemplar femia, que se vendeu a un prezo de 1.900€.