Deputación de Lugo

O Presidente e o Alcalde de Cervantes abren ao público o Castelo de Doiras, “embaixador da inmensa riqueza dos Ancares”

José Tomé Roca
Cervantes
Inauguración Castelo de Doiras
José Tomé Roca e Benigno Gómez Tadín inauguraron este domingo a fortaleza situada na parroquia cervantega de Vilarello, declarada Ben de Interese Cultural, e que a Deputación axudou a adquirir cunha achega de 900.000€ ao Concello da Montaña

“Con esta aposta non só rescatamos unha xoia arquitectónica do século XV, senón que reforzamos a identidade cultural da comarca e xeramos novas oportunidades para o desenvolvemento sostible da zona”, destacou o mandatario provincial

Ao acto, que tivo lugar no patio interior da construción defensiva e contou coas actuacións do músico Abraham Cupeiro e o monologuista Oswaldo Digón, asistiu unha gran representación de autoridades locais da comarca e de toda a provincia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, abriron este domingo ao público o Castelo de Doiras nun acto moi concorrido que tivo lugar no patio interior da construción defensiva. A fortaleza, que está situada na parroquia cervantega de Vilarello e foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 1994, foi adquirida recentemente polo Concello grazas a unha achega de 900.000€ da institución provincial.


“A apertura ao público do Castelo de Doiras non é só a posta en valor dun monumento senlleiro, é un acto de xustiza coa nosa historia, coa nosa identidade e co noso futuro”, apuntou o mandatario provincial, para quen o patrimonio “non pode ser visto como unha lembranza estática do pasado, senón como un recurso vivo, capaz de xerar oportunidade e de fortalecer o arraigo”. Engadiu ademais que este castelo, coñecido tamén como de Ferreiría, ten a misión de ser “embaixador da inmensa riqueza cultural e paisaxística dos Ancares”.


Tomé Roca sinalou que “desde a Deputación de Lugo temos claro que a protección e dinamización do noso legado histórico é unha responsabilidade colectiva. Por iso apostamos firmemente por colaborar cos concellos”. Nese sentido destacou que o castelo “renace” grazas ao compromiso do Concello e ao esforzo conxunto de diferentes administracións. Felicitou ao Alcalde e ao seu equipo por impulsar un proxecto “con determinación e visión de futuro”, porque “con esta aposta non só rescatamos unha xoia arquitectónica do século XV, senón que reforzamos a identidade cultural da comarca e xeramos novas oportunidades para o desenvolvemento sostible da zona”.


Lembrou que con esta incorporación, Lugo suma xa oito castelos e fortalezas visitables: “desde Pambre ata Alfoz, desde San Damián de Ribadeo ata San Paio de Narla, pasando polo Pazo de Tovar en Lourenzá ou a Torre dos Andrade en Vilalba e a Torre da Homenaxe en Monforte”. “A nosa provincia é un inmenso museo ao aire libre”, sentenciou.


Un investimento na memoria colectiva


Enmarcou a colaboración con Cervantes na aposta da Deputación co turismo de experiencias e subliñou que “desde a Deputación cremos firmemente que a recuperación do noso patrimonio non é un gasto, senón un investimento. Un investimento na nosa memoria colectiva, no noso atractivo turístico e no futuro da nosa provincia”. Nese sentido asegurou que “protexer o noso patrimonio non é unha cuestión de nostalxia, senón de intelixencia”.


Pola súa banda, Benigno Gómez dixo sentirse orgulloso de poder ser o Alcalde que puxera a disposición dos veciños e veciñas de Cervantes un monumento tan representativo e do que estiveron privados durante anos. Agradeceu aos presentes a súa presencia nun acto que cualificou de “histórico” non só para este concello da Montaña, senón para toda a comarca e convidou á veciñanza a visitar e desfrutar deste Castelo “que xa é de todos”.


Xunto ao Presidente e ao Alcalde, asistiron a este acto o Deputado de Medio Ambiente e Alcalde da Fonsagrada, Carlos López; a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez; a Deputada no Congreso, Patricia Otero; o Senador pola provincia, César Mogo; un nutrido grupo de alcaldes da comarca dos Ancares lucenses e leoneses; membros da corporación municipal; persoal do Concello e veciños e veciñas da provincia. Ademais, no acto participaron e actuaron tamén o monologuista cervantego Oswaldo Digón e o músico sarriao Abraham Cupeiro.