O Presidente e o Alcalde supervisan no Río Rato os danos provocados pola borrasca Olivier
A Deputación activou de inmediato unha folla de ruta solicitando unha intervención de emerxencia á Confederación Hidrográfica, “os danos son significativos, especialmente nas pasarelas peonís e no firme do camiño. Desde o primeiro momento, mobilizamos os recursos precisos para garantir a seguridade e agardamos contar coa valoración técnica dos custes a vindeira semana”, explicou o mandatario provincial
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, supervisaron este martes sobre o terreo os danos provocados pola borrasca Olivier no Río Rato, que afectou de maneira importante este espazo natural moi empregado polos veciños e veciñas. explicou que os técnicos da Deputación, en colaboración coa empresa pública Tragsa, están a realizar unha avaliación exhaustiva dos desperfectos causados polas intensas chuvias rexistradas o pasado venres, “estamos a traballar para reparar coa máxima celeridade as consecuencias desta tormenta, que nos colleu a todos por sorpresa”, asegurou.
A Deputación puxo en marcha de inmediato unha folla de ruta para facer fronte a esta situación, que inclúe a solicitude dunha actuación de emerxencia á Confederación Hidrográfica e a elaboración dunha memoria técnica co obxectivo de cuantificar os custes das actuacións que serán necesarias. “Os danos son significativos, hai catro pasarelas peonís que haberá que reparar por completo e no firme do paseo que teremos que acondicionar íntegramente, e levaranse a cabo tarefas de limpeza nos marxes do río”, explicou Tomé.
“Desde o primeiro momento mobilizamos todos os recursos necesarios para garantir a seguridade na zona. Agardamos dispoñer da valoración técnica na vindeira semana para poder actuar con rapidez”, concretou.
Pola súa banda, o Alcalde de Lugo puxo en valor a resposta conxunta entre Deputación e Concello, e lembrou que os efectos do cambio climático son cada vez máis evidentes. “Estes fenómenos meteorolóxicos son cada vez máis frecuentes. Por iso, estamos a analizar os puntos críticos afectados polos asolagamentos, co obxectivo de aplicar medidas efectivas como o impulso dun PERTE da auga, que nos permitirá dixitalizar a rede municipal e acceder a datos en tempo real. Isto facilitará unha resposta máis áxil e eficaz ante futuras emerxencias”, subliñou o rexedor.
Como medida preventiva e para garantir a seguridade das persoas usuarias, a Deputación desviou provisionalmente o tránsito polo carril bici, recomendando á cidadanía seguir a sinalización habilitada e evitar o paso polas zonas danadas ata novo aviso.