O Pleno aproba unha Declaración Institucional pola defensa dos dereitos das persoas con discapacidade
Unanimidade tamén para que a Deputación se adhira á rede de entidades locais Gandeiro-Cárnica, impulsada pola FEMP, co obxectivo de fortalecer un sector vital no desenvolvemento económico, social e ambiental da provincia
A Corporación Provincial acordou este martes na sesión plenaria unha Declaración Institucional polo Día Nacional da Convención sobre Dereitos das Persoas con Discapacidade que se celebrará este sábado, 3 de maio. Todos os grupos políticos con representación na Deputación de Lugo –PSdeG, BNG e PPdeG- acordaron un texto que pretende contribuír a impulsar un cambio de perspectiva na sociedade.
“A conmemoración deste día busca sensibilizar sobre a importancia de cumprir cos tratados internacionais de dereitos humanos ratificados por España e resaltar o papel da convención como referencia clave no desenvolvemento de políticas públicas e reformas lexislativas en materia de discapacidade”, cita o texto. Dar prioridade ao recoñecemento das capacidades diferentes destas persoas, a súa vida en comunidade e o seu dereito para desenvolver o seu proxecto de vida, son algúns dos obxectivos.
Os compromisos acadados pasan por traballar para garantir a accesibilidade universal, a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a plena inclusión das persoas con discapacidade na vida social, económica e cultural; a loita contra a discriminación laboral para que teñan as mesmas oportunidades que o resto da poboación; promover a súa participación activa na toma de decisións que afectan á súa vida; ou a unha vivenda digna, accesible e adaptada as súas necesidades.
Adhesión rede de entidades gandeiro-cárnica
Ademais, o Pleno acordou por unanimidade a adhesión á rede de entidades locais Gandeiro-cárnica, impulsada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que permitirá á institución provincial reforzar a colaboración con outras entidades para impulsar iniciativas conxuntas coa finalidade de fortalecer o sector. O Goberno levou a Pleno esta proposta tendo en conta o papel “vital” da actividade gandeira e cárnica no desenvolvemento económico, social e ambiental na provincia.