Deputación de Lugo

Expomar inaugura hoxe unha nova edición en Burela co apoio da Deputación de Lugo

Expomar
Pablo Rivera Capón
Inauguración Expomar
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, participou este mércores xunto á presidenta da Fundación Expomar e Deputada provincial, Carmela López, nos actos de apertura da feira náutico-pesqueira que conta, un ano máis, cunha achega de 15.000€ da institución provincial

O Deputado de Promoción Económica e Social, PabloRivera Capón, participou este mércores, xunto á Alcaldesa de Burela, Deputada provincial e presidenta da Fundación Expomar, Carmela López Moreno, na inauguración dunha nova edición de Expomar. Unha cita coa que colabora ainstitución provincial cunha achega de 15.000€.

 

Destacou Rivera Capón que esta é “unha das grandes citas do sector” en Galicia e a nivel de todo o Estado. “Un espazo que combina tradición e innovación, coñecemento e reflexión, con moito arraigo, pero tamén con visión de futuro” e unha feira que cualificou de “estratéxica” para a Mariña e para a provincia. Enmarcou o compromiso da Deputación con Expomar na importancia da pesca para a provincia, “unha actividade que xera emprego, que alimenta cadeas produtivas e que leva consigo un saber facer acumulado durante xeracións”. 

 

Rivera Capón puxo tamén en valor que “o mar non é só un horizonte azul, é sustento, é cultura, é modo de vida. O mar marca o noso carácter, o noso calendario e mesmo o noso vocabulario”. E sinalou que “feiras como Expomarson claves para visibilizar este esforzo colectivo”.Referiuse tamén ao apoio do Goberno de España ao sector, tanto nas negociacións das cotas como no impulso ao PERTE Mar-Industria, e á importancia de fomentar o consumo de peixe: “O peixe é saúde, pero tamén é sabor,tradición e economía local. Detrás dunha merluza, dun bonito de Burela, hai xornadas de mar, hai lonxas, hai empresas, hai profesionais que dan o mellor de si para ofrecernos un produto de primeira calidade”.

 

A vixésima edición de Expomar celébrase desde hoxe e ata o vindeiro sábado, 10 de maio, na nave de redes do porto de Burela. Unha cita que se articula en tres grandes eixos: a feira de exposición que reúne a máis de 350 marcas nacionais e internacionais do sector pesqueiro e onde a Deputación de Lugo contará tamén co seu propio expositor; as xornadas técnicas, que abordan temas clave como a xestión pesqueira ou o consumo; e do encontro empresarial para debater dos retos do sector.

 

Tras a inauguración, as autoridades percorreron o recinto feiral con máis de 5.000 m2. Mañá será a quenda das XXXII Xornadas Técnicas coa conferencia inaugural de Daniel Voces, director de Europêche, que abordará as prioridades do sector pesqueiro para o novo mandato da Unión Europea.