Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación de Lugo promociona os seus atractivos turísticos na feira Expovacaciones de Bilbao

expovacaciones

A Deputación de Lugo participa estes días na 45 edición da feira Expovacaciones, que se celebra en Bilbao dende este venres ata o domingo, cun stand propio no que dá a coñecer a ampla e variada oferta turística da provincia.

A institución provincial presenta en Euskadi un destino cheo de recursos naturais, paisaxes únicas, arte románico, rutas fluviais, camiños históricos, espazos protexidos, turismo termal, gastronomía tradicional e propostas de turismo activo e sostible. A través deste espazo promocional, visitantes e profesionais do sector poden descubrir algúns dos grandes tesouros da provincia: a Reserva da Biosfera Terras do Miño, a Ribeira Sacra e os seus canóns, os camiños de Santiago, a muralla romana de Lugo —Patrimonio da Humanidade—, así como o extenso patrimonio presente en todo o territorio lucense. 

A participación nesta feira encaixa na estratexia da Deputación de Lugo para posicionar o territorio como un destino de calidade, ideal para viaxeiros que buscan natureza, autenticidade, cultura e tranquilidade, fóra dos circuítos turísticos masificados.

Expovacaciones, unha das citas de referencia do sector turístico no norte peninsular, reúne cada ano a milleiros de visitantes e empresas especializadas, polo que representa unha oportunidade clave para dar visibilidade á oferta turística da provincia e establecer novas vías de colaboración profesional.