Deputación de Lugo

A Deputación financia con preto de 60.000€ diferentes actividades da Federación de Veciños

O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, asinou este martes en San Marcos un convenio co presidente do colectivo, Jesús Vázquez Varela, e valorou que “respondemos ao noso compromiso co tecido social, asociativo e económico”

Grazas a este investimento a entidade veciñal poderá levar a cabo algunhas das súas accións máis representativas, como a celebración do Día do Veciño, o Día da Árbore, o programa Entre-veciños, ou as xornadas de irmandamento con outras federacións

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Federación da Asociación de Veciños de Lugo Lucus Augusti, Jesús Vázquez Varela, asinaron este martes dous convenios de colaboración a través do que a institución provincial lle outorga á entidade veciñal un total de 58.000€ para apoiar a súa actividade anual. “Unha aportación importante coa que seguimos demostrando que respondemos ao noso compromiso co tecido social, asociativo e económico”, valorou o mandatario provincial.

Un dos convenios asinados está destinado a financiar con 18.000€ o Día do Veciño, unha celebración popular que reúne cada ano a unhas 5.000 persoas no Pazo de Feiras da capital lucense e que conta, ademais do encontro, cunha comida de confraternidade, unha mostra de produtos do campo e de artesanía, diferentes partidos de fútbol amigables e a entrega dos recoñecementos V de Veciño ás persoas que no último ano destacaron pola súa colaboración co movemento veciñal.

Por outra banda, a Deputación entrega outros 40.000€ á Federación para os gastos de funcionamento da entidade e outras actividades como o Día da Árbore, para concienciar sobre a importancia do medio ambiente; o programa Entre-veciños, co obxectivo de mellorar a calidade de vida de persoas maiores ou en risco de exclusión social; ou as xornadas de irmandamento con outras federacións para fortalecer o movemento veciñal.

15.000€ á Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa

Tomé Roca e Jesús Vázquez asinaron ademais un terceiro acordo polo que a Deputación achegará 15.000€ á Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa co obxectivo de financiar actividades que vertebran o ano no barrio lucense. 

Citas tan importantes no calendario milagrosista como a feira de produtos do campo e da artesanía, pola que pasan máis de 2.000 persoas; campañas para a recadación de alimentos e xoguetes, que axudan a unhas 400 familias necesitadas; ou a Gala do Deporte. Ademais, recoñecerán un ano máis o labor da veciñanza a través dos Milagrosistas do ano, impulsarán un ciclo de conferencias para tratar problemáticas xerais como vivenda, servizos sociais, saúde ou emprego; e tamén contribuirán a financiar boa parte dos gastos do local social e do funcionamento da asociación.