Deputación de Lugo
Turismo

A 28º Feira de Produtos do Campo e Artesanía da Milagrosa reunirá a 40 expositores do 23 ao 25 de maio co apoio da Deputación

JOSE TOMÉ
feira
Milagrosa
O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, participou este xoves na
presentación dunha nova edición desta tradicional cita que se celebrará no barrio
lucense con motivo da festividade de San Isidro

“A Milagrosa é un barrio de acollida, onde quen chega sempre atopa portas abertas,
interese pola súa cultura e respecto pola súa herdanza, porque a integración é tamén
unha semente para un futuro mellor”, subliñou José Tomé.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, o presidente da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, Jesús Vázquez, e o presidente de ACRUGA, César Dorado Pin, participou este xoves na presentación da 28ª edición da Feira de Produtos do Campo e Artesanía que terá lugar do 23 ao 25 de maio no barrio lucense da Milagrosa. Esta cita, que conta co apoio da institución provincial e se celebra con motivo da festividade de San Isidro, reunirá a uns 40 expositores. 

“Quero agradecer, un ano máis, aos organizadores desta feira o seu esforzo constante por facer medrar esta cita. Aos produtores, pola súa aposta decidida pola calidade, desde os produtos cárnicos ó mel, o viño, o queixo ou ós produtos da horta. E, por suposto, aos veciños e veciñas da Milagrosa, por facer da Feira de San Cidre un exemplo de convivencia, de boa veciñanza e dinamismo”, subliñou José Tomé. 

O mandatario provincial incidiu en que “A Milagrosa é un barrio de acollida, onde quen chega sempre atopa portas abertas, interese pola súa cultura e respecto pola súa herdanza, porque a integración é tamén unha semente para un futuro mellor”. Tomé Roca rematou a súa intervención subliñando que “esta feira, xa consolidada no calendario festivo de Lugo e da provincia, estou seguro de que seguirá medrando. E farémolo lembrando que non hai progreso verdadeiro sen raíces fondas. As raíces que nos conectan  coa nosa identidade, os nosos oficios tradicionais, os nosos produtos locais e o noso xeito de facer”. 

Esta 28º edición comezará o venres, 23 de maio, coa lectura do pregón inaugural a cargo da investigadora lucense Cintia Folgueira; e continuará o día seguinte con diferentes actividades como a Festa do Becerro ao Espeto, que terá lugar a partir das 19:30 horas na Rúa Menorca e repartirá unhas 2.000 racións. Ao longo de toda a fin de semana os visitantes poderán desfrutar de diferentes actuacións musicais, degustacións gastronómicas e stands que exporán produtos tradicionais e artesanais. 

Colaboración coa Federación de Asociacións de Veciños de Lugo 


A institución provincial mantén unha estreita colaboración con este colectivo financiando diferentes actividades que realizan durante todo o ano como: o Día do Veciño, que cada edición reúne a unhas 5.000 persoas no Pazo de Feiras de Lugo; os premios V de Veciño; ou o Día da Árbore. Tamén achega 15.000€ á Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa para apoiar iniciativas como a Feira de Produtos do Campo e Artesanía, a Gala de Deporte, ou diferentes campañas de recadación de alimentos e xoguetes que axudan a unhas 400 familias necesitadas.