Deputación de Lugo
Turismo

Taboada prepara a terceira edición de Raizames, unha cita de viño e cultura co apoio da Deputación

Taboada
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo participou na presentación desta cita que organiza a Asociación de Comerciantes e Industriais do municipio entre o 23 e o 25 de maio cunha achega de 12.000€ da institución provincial

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este venres xunto ao Alcalde de Taboada, Roi Rigueira, na presentación da terceira edición do Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra, Raizames, que tivo lugar na praza do municipio situada entre a Casa da Cultura e o Cuartel Vello. A institución provincial colabora cunha achega de 12.000€ para esta cita que terá lugar entre o 23 e o 25 de maio.

“Esta é unha proposta ambiciosa, transversal e profundamente conectada co territorio, que reúne música, palabra, arte, pensamento e gastronomía como parte dunha mesma identidade”, valorou García Porto durante a presentación. Felicitou á Asociación de Comerciantes e Industriais de Taboada (Acimta) pola organización, “porque Raizames non é só un evento: é tamén unha ferramenta de dinamización e de futuro, que nos mostra que se poden facer proxectos tan interesantes desde o compromiso social”.

Destacou a Deputada que esta proposta concorda co modelo de turismo polo que aposta a Deputación: sostible, responsables e vinculado ao territorio. “Un turismo que entende que visitar é coidar, aprender e respectar”, engadiu. Na cita participaron, ademais, o Vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro Caloto; e o Presidente de Acimta, Miguel Pavón; entre outras autoridades.

O programade Raizames é o seguinte:


Venres, 23 de maio
18:30 horas: Acto de apertura e inauguración. Paza de Riazón
19:00 horas: Descuberta da exposición fotográfica Retrátate. Praza de Riazón
20:00 horas: Proxección documental, Taboada de Ribeira a Ribeira. Casa Cuartel
21:00 horas: Cata guiada. Casa da Cultura

Sábado, 24 de maio
10:00 horas: Roteiro Canta arte se agocha nunha cunca de viño. Con intervencións artísticas e cata guiada. Saída desde a Praza de Riazón (previa inscrición)
12:00 horas: Espazo Atmosfera de viño. Praza de Riazón
14:00 horas: Concerto Mediarea. Praza de Riazón
17:00 horas: Encontro O viño con nome de muller. Paza de Riazón
18:00 horas: Espazo infantil A viticultura a través dos sentidos. Praza de Riazón
21:00 horas: Concerto Andhrea and the black cats. Praza de Riazón
22:00 horas: Queima dunha facha. Praza de Riazón

Domingo, 25 de maio
11:00 horas: Encontro O viño, embaixador do territorio. Pazo de Bembibre
12:00 horas: Espazo Atmosfera de viño. Praza de Riazón
14:00 horas: Concerto O coro da rá. Praza de Riazón
15:30 horas: Brinde de peche. Praza de Riazón