Deputación de Lugo

A Deputación aproba o encargo a Tragsa dos traballos de recuperación da contorna do Río Rato

Xunta de Goberno
Pilar García Porto
Rolda de prensa da Xunta de Goberno - Pilar García Porto
Tal e como anunciou onte o Presidente, a Xunta de Goberno deu hoxe luz verde ao último paso administrativo para comezar as obras neste espazo que quedou danado pola borrasca Oliver e nas que a institución provincial investirá máis de 175.000€

Adxudicada por preto de 250.000€ a mellora de tres estradas entre os concellos de Lugo e O Corgo: a LU-P-1602 de San Cristovo a Romeán; a LU-P-1606 de Adai a Queizán de Abaixo; e a LU-P-2918 de Lugo a Adai por Santa María de Bóveda

Aprobada tamén a adxudicación directa de catro parcelas do polígono industrial de Villaragunte, en Paradela, por un importe de 124.276,8€

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres encargar á empresa pública Tragsa, medio propio da institución provincial, a execución dos traballos para a recuperación do paseo do Río Rato tras os danos provocados pola borrasca Oliver. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, esta mañá tras a reunión semanal, detallando que o orzamento para estas actuacións é de 175.286,07€ con cargo ao fondo de continxencia que ten a institución provincial para este tipo de emerxencias no Orzamento deste 2025.

“Tal e como o anunciou onte o Presidente da Deputación, hoxe damos este último paso administrativo para que os traballos poidan comezar o antes posible”, informou García Porto. O prazo de execución das obras é dun máximo de 3 meses, “polo que se todo avanza segundo o previsto, en setembro este espazo volverá estar á disposición da veciñanza”, valorou a Deputada. “Estamos a actuar coa máxima dilixencia posible porque somos plenamente conscientes de que este é un espazo público cunha gran importancia ambiental, educativa e social para a veciñanza”, valorou.

Nese sentido, explicou que “debido á natureza das obras e á urxencia das mesmas, decidimos encargar estes traballos á empresa pública Tragsa, ao tempo que detallou que as actuacións previstas centraranse en recuperar os firmes estruturais danados nos camiños; retirar os restos acumulados na ponte de Cestería e nas pontes de madeira arrastradas pola corrente; repoñer as cinco pasarelas de madeira ao longo do percorrido e tamén a senda pivotada que conecta o Paseo do Rato coa área verde da Tolda de Castela; e a reconstrución de escolleras empregando técnicas de bioenxeñería. 

Adxudicación das obras en tres estradas

Adxudicados á empresa Francisco Gómez y Cía, por case 250.000€, os traballos de mellora de tres estradas que comunican Lugo e O Corgo. Unhas actuacións que servirán para a rehabilitación por tramos da LU-P-1602, a LU-P-1606 e a LU-P2918. García Porto detallou que por unha banda, a Deputación arranxará os últimos cinco quilómetros da LU-P-1602, a vía que conecta as parroquias de San Cristovo e Romeán, á altura das Aceñas, na parroquia de Adai; os primeiros quilómetros da LU-P-1606, no tramo que vai de Adai a Queizán de Abaixo; e os últimos metros da LU-P-2918, que é a estrada que une Lugo con Adai por Santa María de Bóveda, e que sirve de enlace -no seu tramo final- coa LU-P-1602. 

As actuacións nas tres vías consistirán na reapertura de cunetas, reparación de desperfectos, repavimentación e pintado. O prazo de execución destes traballos unha vez empecen as obras será de mes e medio.
 

Acondicionamento da antiga sede da extinguida SUPLUSA

A Xunta de Goberno tamén vén de adxudicar, por case 80.000€ á empresa Medioambiental Lucense SL, o acondicionamento da antiga sede da extinguida SUPLUSA, situada na rúa San Marcos, número 11. “Con este proxecto completaremos a renovación dos espazos do edificio e solucionaremos as fendas causadas por humidades, co fin de destinar o inmoble ao uso de oficinas”, explicou a Deputada.

O edificio consta dunha planta soto, que xa está totalmente rematada. Na planta baixa e primeira hai tres locais que precisan de varios remates e acondicionamentos en teitos e en paredes, así como a instalación das redes de electricidade, telecomunicacións, calefacción e ventilación. Na planta baixo cuberta, debido ás humidades, realizarase unha limpeza e revisión da cuberta, así como a reparación dos danos causados no interior. O prazo de execución unha vez comecen os traballos será de 3 meses. 

 

Venda de parcelas no polígono de Paradela

Adxudicadas de forma directa catro parcelas do polígono industrial de Villaragunte, no concello de Paradela. Concretamente, vendéronse as parcelas 15, 16, 17 e 18 por un importe de preto de 125.000€. Das 19 parcelas que tiña a Deputación neste espazo industrial de 21.569 m2, explicou a Voceira socialista que quedan 12 dispoñibles dunha superficie de 1.000m2 cada unha e a un prezo de 27,2€ o m2.

 

Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

Aprobado o último trámite administrativo para o pago de subvencións por un importe de 18.000€ a tres entidades que resultaron beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios que impulsamos desde a Deputación de Lugo.

A Comunidade de Montes Veciñais Sierra Mirandela Paleira Arriba Salvaranes e Caxigueira, de Castroverde, recibirá 6.000€ para o axardinamento e a rehabilitación da terceira parte do muro antigo da Igrexa; a Comunidade de Montes en Man Común de Santalla, de Begonte, contará con outros 6.000€ para a mellora de accesos comunais; e a Agrupación de Veciños de Vilaquinte, de Cervantes, percibirá 6.000€ para a mellora e o acondicionamento do camiño veciñaL desta parroquia.