O Presidente acompaña a Lucía Pérez e a G Face na estrea do videoclip Cabaliño de Lugo na Praza de San Marcos
“Hoxe celebramos a estrea dun tema musical que serve de escaparate audiovisual dos nosos recursos turísticos e que, ao mesmo tempo, nos fai sentir orgullosos da nosa terra, que aquí se transforma en escenario, en inspiración, e nun símbolo do que é Lugo” sinalou o mandatario provincial
Numeroso público achegouse á Praza de San Marcos para asistir á presentación do videoclip, que se proxectou nunha pantalla xigante nun acto conducido pola presentadora e actriz Beatriz Serén
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañou este xoves pola tarde aos artistas Lucía Pérez e a G Face na estrea do seu novo videoclip Cabaliño de Lugo, unha peza musical que pon en valor os principais atractivos turísticos, culturais e patrimoniais da provincia e coa que colabora a institución provincial.
José Tomé Roca subliñou a importancia de apoiar iniciativas culturais como esta, que “non só promoven a riqueza do territorio, senón que tamén contribúen a fortalecer a identidade da nosa provincia”. Subliñou que desde a Deputación apoiamos este proxecto porque “cremos que a cultura é unha das mellores fórmulas para proxectar a imaxe da nosa provincia, dentro e fóra de Galicia”.
“Hoxe celebramos a estrea dun tema musical que nos convida a bailar, pero que ademais serve de escaparate audiovisual dos nosos recursos turísticos, naturais, culturais e patrimoniais, e faino cunha mensaxe cargada de identidade e de emoción”, subliñou o mandatario provincial, quen engadiu que “Cabaliño de Lugo fainos sentir orgullosos da nosa terra, que aquí se transforma en escenario, en inspiración e en símbolo de todo o que representa Lugo”.
A estrea do videoclip foi seguida por numeroso público que se congregou na Praza de San Marcos para visionar o tema musical que se proxectou nunha pantalla xigante e onde os artistas cantaron varias cancións. A actriz Beatriz Serén foi a encargada de conducir o evento, no que tamén houbo unha conversa cos artistas, que explicaron como xurdiu esta colaboración —a primeira entre Lucía Pérez e G Face— e detallaron o proceso de creación do tema e da gravación audiovisual.
A peza musical recolle imaxes de espazos emblemáticos como a Muralla de Lugo, a Catedral de Santa María e diferentes paraxes naturais da contorna do río Miño, así como elementos do patrimonio etnográfico lucense. Cunha mensaxe de liberdade, orgullo e conexión coa terra, a peza busca tamén atraer novos públicos e dinamizar a promoción da provincia a través da música.