Deputación de Lugo
Turismo

A Ribeira Sacra e A Montaña, protagonistas de La Vuelta grazas ao patrocinio da Deputación de Lugo

la vuelta
A Xunta de Goberno da Deputación vén de adxudicar o contrato con Unipublic para o desenvolvemento da etapa 15, que se celebrará o vindeiro 7 de setembro e terá como meta Monforte de Lemos

A etapa, cun perfil de media montaña e 167 quilómetros, percorrerá destacados puntos de montaña polos concellos da Fonsagrada, Castroverde, Láncara e Sarria

“Esta colaboración responde a estratexia da institución provincial de impulsar o desenvolvemento social, económico e turístico da provincia, mediante a proxección do territorio en eventos de alto impacto mediático e internacional”, destacou a Voceira Socialista do Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar a adxudicación do contrato de patrocinio con La Vuelta a España 2025, co que a institución provincial reforzará con 100.000€ o desenvolvemento da etapa 15 que terá ás comarcas da Montaña e da Ribeira Sacra como protagonistas. 

A etapa cun perfil de media montaña, contará cun percorrido total de 167 quilómetros e percorrerá destacados puntos de montaña polos concellos da Fonsagrada, Castroverde, Láncara e Sarria, ata chegar a meta que terá como sede o Concello de Monforte de Lemos, na capitalidade da Ribeira Sacra.

A Voceira Socialista do Goberno, Pilar García Porto, destacou que esta colaboración formalizarase coa empresa organizadora, Unipublic e sinalou que apostar por La Viuelta “forma parte da estratexia da institución provincial de impulsar o desenvolvemento social, económico e turístico da provincia, mediante a proxección do territorio en eventos de alto impacto mediático e internacional”.

Segundo un informe da organización, o retorno económico deste patrocinio para a nosa provincia é de máis de 3 millóns de euros, o que significa que cada euro que inviste a Deputación xerará 36,47€. O cálculo basease na presenza en medios impresos, televisións nacionais e internacionais, sitios webs e redes sociais. 

 “La Vuelta é unha plataforma de proxección mundial difícil de alcanzar por outros medios. Falamos dun evento na elite do ciclismo mundial, á altura do Giro de Italia e o Tour de Francia, e que é seguido por máis de 17 millóns de espectadores en máis de 190 países”, subliñou a Voceira Socialista do Goberno. 

Engadiu García Porto que “esta proba é, polo tanto, unha das mellores formas de levar ao plano internacional a nosa oferta turística, e a nosa aposta por un modelo de turismo de calidade, non masificado, sostible, de experiencias, e respectuoso co medio ambiente”. Así mesmo, apuntou que máis aló do impacto turístico e económico a medio prazo, a organización dun evento desta envergadura mobiliza unhas 3.000 persoas, e xera 600 empregos directos e 2.000 indirectos “o que contribúe directamente a incrementar a actividade na hostalaría, o turismo e o comercio local”.

Con esta aposta, a Deputación sitúa Lugo no mapa internacional, “promovendo os seus valores, cultura e territorio con ferramentas modernas, efectivas e sostibles, como é o patrocinio desta gran cita do ciclismo mundial”, incidiu García Porto.

900.000€ para mellorar 5 estradas provinciais

Na Xunta de Goberno celebrada este venres saíu adiante un investimento de preto de 900.000€ para a mellora de cinco estradas ao seu paso polos concellos de Chantada, Carballedo, Navia de Suarna e Cervantes.

Licitados por máis de 300.000€ os traballos de mellora do firme  na  LU-P-1801, que é a vía que comunica Chantada e Os Peares por Nogueira. Concretamente, con cargo a este investimento, a Deputación acondicionará un treito de 23 quilómetros da estrada, desde o punto quilométrico 6 ao 29. Os traballo, cun prazo de execución de 3 meses, consistirán na reapertura de cunetas e no acondicionamento do firme. 
En Navia de Suarna, a institución provincial aprobou sacar á contratación case 328.000€ para a rehabilitación do firme nos case 5 primeiros quilómetros da LU-P- 3506, a vía que conecta Louxas co límite provincial de Asturias por Valdeferreiros. As obras tamén cun prazo de execución de 3 meses, consistirán na reapertura de cunetas, aglomerado en quente da vía e sinalización horizontal e pintado mediante marcas reflexivas brancas. 

Por outra banda, en Cervantes quedou adxudicado á empresa Adecón Obras y Servicios SL a mellora de diferentes tramos en tres estradas deste municipio da Montaña lucense, cun investimento de máis de 238.000€. Concretamente, acondicionaranse os últimos dous quilómetros da LU-P-1401, que é a estrada que conecta Doiras co límite provincial de León ó seu paso por Piornedo, desde o punto quilométrico 28,509 ao 30,409. Mellorarase case un quilómetro da LU-P-1402, que une a parroquia da Ribeira e de Vilaquinte, á altura de Quindous, desde o punto quilométrico 8,850 ao 9,600. E finalmente, renovaremos un treito de algo máis de cinco quilómetros da LU-P-1404, que é a estrada que vai de San Román a Quindous, no tramo que conecta Vilaluz e o Castro de Santa María, na parroquia do Castro, desde o quilómetro 5,000 ao 10,300.

As actuacións en todas as vías incluirán a reapertura de cunetas, reparación de desperfectos, repavimentación, sinalización e balizamento. O prazo para a execución destes traballos será de 3 meses desde o inicio das obras.

A Voceira Socialista do Goberno sinalou que estas actuacións “son moi importantes porque estas estradas vertebran as comunicacións do concello de Cervantes, e ademais ao seu paso polo norte do municipio sofren un desgaste importante durante o inverno polas duras condicións climáticas”. Así mesmo, subliñou Pilar García Porto que estas melloras “van a supoñer un gran beneficio para esta comarca que recibe moitos visitantes atraídos pola paisaxe e polo núcleo de Piornedo que foi declarado Ben de Interese Cultura debido ao seu alto valor etnográfico”.

Custodia do Territorio das Insuas do Miño e Ollos de Begonte

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou adxudicar o contrato para establecer un novo acordo de custodia do territorio nos espazos naturais das Insuas do Miño e Os Ollos de Begonte, dúas zonas singulares que forman parte do patrimonio natural da institución provincial.

A través deste novo contrato, que terá unha duración de catro anos —ata 2029—, será unha entidade especializada a encargada de desenvolver estas tarefas. O orzamento asignado para o período é de 100.000 euros. Con esta actuación, a Deputación de Lugo reafirma o seu compromiso coa protección e conservación do medio ambiente, apostando por un modelo de xestión sostible e participado do seu patrimonio natural.