A Deputación visita o campamento da Garda Pretoriana situado na praza de San Marcos
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento e Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, visitou este venres no marco do Arde Lucus o campamento da asociación Cohors Lvcensivm Praetoria, situado na praza de San Marcos. Fernández fixo un percorrido pola instalación, que recrea a edificación central da Castra Praetoria romana nun espazo de 800 m2, e recibiu da entidade o detalle dun pugio, unha daga que usaba a Garda Pretoriana para a defensa persoal.
A Deputación de Lugo achega este ano 50.000€ ao Concello de Lugo para reforzar a proxección e a calidade do Arde Lucus 2025, unha das citas culturais e turísticas máis importantes da capital lucense e que se celebra ata este domingo, 15 de xuño.