Cultura
Deputación de Lugo

A ambientación das rúas, o sorteo dunha viaxe a México ou a xincana indiana entre as actividades do Ribadeo Indiano organizadas coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
RIBADEO INDIANO
A institución provincial aprobou o pasado venres o convenio de colaboración con Acisa, cunha achega de 23.000 euros

 A Xunta de Goberno provincial aprobou o pasado venres o convenio de colaboración entre a área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e ACISA Ribadeo para a organización de actividades do Ribadeo Indiano, cun importe de 23.000 euros.

O trámite pon a disposición de Acisa fondos destinados a actividades fundamentais para o desenvolvemento do Ribadeo Indiano, como a decoración das rúas, prazas e negocios con bandeiras, flocos e faroliños que recrean na vila un ambiente luminoso, cálido e festivo nunha cidade americana de comezos do século XX e que configura as estampas máis icónicas do evento.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo tamén colabora a través desta subvención excepcional no financiamento da viaxe a un país de ultramar que Acisasorteará entre a clientela da restauración e o comercio ribadense o último día do Indiano, e que este ano ten como destino México, un dos países de América con vínculos coa emigración ribadense.  México tamén estará presente no Ribadeo Indiano con actuacións de mariachis que percorrerán as rúas contribuíndo ao ambiente festivo.

A área de Cultura provincial tamén colaborará na organización de actividades lúdicas e divulgativas sobre o legado da emigración a América como a xincana indiana, que pon a proba o coñecemento da historia e a arquitectura indiana de Ribadeo, ou o espazo de xogos tradicionais que se ubicará en San Roque.

O convenio de colaboración entre a Vicepresidencia e Acisa tamén contempla o financiamento de vasos de plástico reutilizables, serigrafiados cunha imaxe característica do evento, que se distribuirán entre os locais de hostelería para tratar de aforrar custos e evitar a rotura de vasos de cristal nas rúas.