O Presidente recibe aos representantes dos 67 concellos da provincia na xornada de posta en marcha do Xeopadrón
Esta nova iniciativa da institución provincial ao servizo dos concellos está pensada “para avanzar na modernización da administración local” e “é clave para planificar ben, xestionar mellor e tomar decisións informadas”, valorou o mandatario provincial
O Salón de Actos acolleu esta cita na que os responsables da empresa adxudicataria, Espúblico, explicaron aos participantes o alcance das primeiras tarefas, que consistirán no desenvolvemento das ferramentas informáticas e a depuración dos arquivos do INE
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, deu a benvida este venres aos representantes dos 67 concellos da provincia que participaron na xornada técnica organizada pola institución provincial para poñer en marcha o Xeopadrón, o programa de dixitalización da información municipal. A cita tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos e contou coas explicacións dos responsables da empresa adxudicataria, Espúblico, sobre o alcance das primeiras tarefas desta iniciativa na que a Deputación inviste un total de 1,3M€.
Na xornada, participaron máis de 50 persoas, entre alcaldes, alcaldesas, tenentes de alcaldes e técnicos municipais, un feito que destaca a importancia e o compromiso dos concellos co avance tecnolóxico e a modernización da administración local.
Esta nova iniciativa da institución provincial ao servizo dos concellos está pensada “para avanzar na modernización da administración local”, explicou o mandatario provincial, quen valorou ademais que “contar cun padrón municipal actualizado, rigoroso e vinculado ao territorio é clave para planificar ben, xestionar mellor e tomar decisións informadas”. “Iso é o que nos propoñemos con Xeopadrón: mellorar a calidade dos datos do padrón, depuralos e vincular esa información cunha base de datos xeorreferenciada de fogares e vivendas. Un paso estratéxico cara ao futuro Padrón Online que está desenvolvendo o INE a nivel estatal”, argumentou.
Agradeceu o compromiso dos Alcaldes e das Alcaldesas que decidiron sumarse voluntariamente a esta iniciativa que conta con 1,3M€ procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea. “Desde 2019, levamos conseguido máis de 18 millóns de euros en fondos europeos, e con eles estamos a transformar servizos e estruturas nos concellos da provincia”, recordou o Presidente.
Sinalou que Espúblico, a empresa encargada dos primeiros traballos –adxudicados por 415.811,66€-, dedicará a xornada a explicar en detalle como se vai levar a cabo a implantación, o contraste de datos e a integración cos sistemas municipais.
“Desde a Deputación, entendemos Xeopadrón como unha peza máis da nosa estratexia de apoio aos concellos, unha estratexia firme, constante e transversal”, argumentou Tomé Roca. Puxo como exemplo outras iniciativas como o programa Impulsa TIC, “co que dixitalizamos administracións e modernizamos equipamentos, agora seguimos por ese camiño, centrados na calidade da información e na eficacia na xestión”.
Finalizou a súa intervención co compromiso de “traballar con rigor, con coordinación e cun obxectivo común: darlle ós concellos ferramentas máis modernas e máis útiles para servir mellor á cidadanía”, porque segundo concluíu “cando os concellos avanzan, avanza a provincia de Lugo”.
Na xornada desta mañá participaron ademais Marcos Vázquez Rodríguez, xerente de grandes contas de Espúblico, Ana María Bernal, xefa do proxecto da empresa e tamén a responsable de produto de I+D, Cristina Gimeno García.